Nova edición de cursos en liña preparatorios das probas Celga 1


5 mar 2012



A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, abriu o prazo de inscrición na nova edición de cursos en liña preparatorios das probas de acreditación do coñecemento de lingua galega (Celga). A oferta formativa non presencial de cursos Celga inclúe tres cursos preparatorios do nivel Celga 1, que contan con 50 prazas cada un deles, e que se desenvolverán durante 10 semanas, desde o 26 de marzo ao 1 de xuño.

A Consellería ofrece desde 2010 estes cursos en liña para a preparación do Celga 1, no marco das súa aposta por esta modalidade, que lles facilita o acceso á formación a persoas que non teñen dispoñibilidade de tempo para acceder aos cursos presenciais e tamén á xente interesada na aprendizaxe da lingua galega noutras partes de España e do mundo. Isto promove a posibilidade de mobilidade laboral, a difusión exterior da lingua galega, e a igualdade no acceso á formación.

Esta oferta formativa de cursos preparatorios en liña do Celga complementa a oferta de formación presencial en lingua galega para persoas adultas da Secretaría Xeral de Política Lingüística para o 2012, que inclúe os cursos preparatorios presenciais para as probas do Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 que se realizarán en diferentes concellos galegos e nas escolas oficiais de idiomas entre os meses de marzo, abril, maio e xuño.

Prazos

O prazo de inscrición para os cursos, que son voluntarios e gratuítos, estará aberto ata o vindeiro 14 de marzo. As persoas interesadas en matricularse deberán enviar unha mensaxe electrónica ao enderezo sxpl.formacion@xunta.es na que figuren o seu nome e apelidos, o DNI, o enderezo electrónico e teléfono de contacto, o lugar de residencia e o nivel de estudos.

A selección realizarase por rigorosa orde de solicitude ata cubrir as 150 prazas dispoñibles para os tres cursos. Toda a información está xa dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega

O calendario das probas Celga para o 2012 fixa a realización das probas de acreditación do coñecemento de lingua galega nos seus díferentes niveis na primeira quincena do mes de xuño: Celga 4, o día 2 de xuño; Celga 2, o día 3 de xuño; Celga 3, o día 9 de xuño e Celga 1, o día 10 de xuño. Estas probas terán lugar en diferentes cidades de Galicia, así como en Barcelona, Madrid e Ponferrada. O prazo de inscrición nas probas está aberto ata o día 3 de abril

Metodoloxía multimedia e interactiva

O curso Celga 1 en liña está artellado en 10 unidades didácticas baseadas en cadansúa área temática comunicativa, nos que se inclúen un total de 50 actividades de tipoloxía diversa, mediante unha metodoloxía multimedia, que implica o emprego dos recursos máis avanzados de imaxe e son como apoio aos contidos tratados, e interactiva, que lle permite ao usuario o traballo de todas as competencias lingüísticas.

O sistema de aprendizaxe en liña insírese nunha aposta decidida do departamento que dirixe Valentín García por facilitarlle o acceso á formación de lingua galega ás persoas adultas que desexan adquirir ou mellorar a súa competencia lingüística, aproveitando as vantaxes que ofrecen as TIC no ámbito da formación.

Neste sentido, mediante a posta en marcha dos cursos en liña de aprendizaxe da lingua galega, tanto de linguaxes específicas coma Celga, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dálle cumprimento ao obxectivo establecido no Plan xeral de normalización da lingua galega, dentro do sector Educación, Familia e Mocidade, de “potenciar a aprendizaxe do galego por parte de toda a poboación adulta mediante fórmulas didácticas innovadoras que garantan resultados comunicativos máis satisfactorios e que poñan en relación a lingua coa historia e a cultura de Galicia”.