Ante os recortes, unidade sindical


6 feb 2012






No día de hoxe celebramos unha xuntanza as organizacións sindicais CCOO, UGT, CIG e CSI-F, sindicatos con representación na Mesa Xeral de Función Pública, para analizar o anteproxecto de Lei de Medidas no Emprego Público.

Os sindicatos consideramos necesario neste momento dar unha resposta a este anteproxecto dende a unidade de acción, por iso acordamos o seguinte calendario de mobilizacións:


- O día 7 realizarase unha rolda de prensa, en Santiago de Compostela, para rexeitar esta medida e anunciar o calendario de mobilizacións.

- O día 9, ás 11:30 horas: concentración de delegados e delegadas diante de San Caetano, haberá autobuses gratuítos para os traballadores que queiran participar.

- O día 16, ás 12:00 horas, levaranse a cabo concentracións en todos os centros de traballo dependentes da Xunta de Galicia.

- O día 23, ás 19:00 horas, haberá concentracións nas sete grandes cidades e comarcas diante dos distintos edificios, pendente do acordo de lugar de concentración.


É imprescindible a participación de todos os funcionarios e funcionarias, titulares ou interinos. TODOS SOMOS NECESARIOS,  A TODOS E A TODAS NOS AFECTAN ESTAS INXUSTAS MEDIDAS.

Aproveitamos para recordarvos os recortes que se recollen no anteproxecto de Lei (algún destes recortes non afectan ao funcionariado da administración de Xustiza de Galicia, pero preparan o terreo aos recortes de ámbito estatal que, con total certeza, se recollerán nos vindeiros orzamentos xerais do Estado, cuxa aprobación está prevista para o mes de marzo)


1. Supresión de 3 dos actuais 9 días de libre disposición.

2. Eliminación temporal do plus de altos cargos.

3. Suspensión do Fondo de Acción Social, exceptuando a axuda ás persoas con discapacidade aínda que con límite.

4. Eliminación do complemento por Incapacidade temporal ata os 21 días e, en consecuencia, aplicación da norma base do estatuto dos traballadores, AGÁS nos supostos de maternidade e accidente laboral.

5. Extensión xeral da xornada laboral ata as 37 horas e media.

6. Suspensión dos artigo 19 do convenio único do persoal laboral (en relación os descansos adicionais por traballo en festivos e domingos), artigo 29 (dereito a comedor) e disposición adicional 3ª (descansos Nadal e semana santa).

7. Redución dun terzo da xornada e salario para todo o persoal interino ou temporal do sector público autonómico. Esta medida significaría o empobrecemento inmediato do funcionariado interino(reducción do soldo) e empobrecemento diferido (as cotizacións tanto para o paro como para a xubilación reduciranse de maneira brutal)


E no que se refire ao noso traballo diario, provocaría un caos absoluto nos xulgados: ós 2 ou 3 meses que se tarda en cubrir unha baixa teríamos que engadir a redución do tempo efectivo de traballo do funcionariado interino.


Non son medidas que afectan a un só colectivo, aféctannos a todos e a todas, como funcionariado e como cidadáns e cidadás


A resignación non é unha opción




Descarga de arquivos: