Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012


30 dic 2011



No Diario Oficial de Galicia número 249, de 30 de decembro de 2011, publícase a Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012



Presidencia da Xunta de Galicia



Nunha primeira lectura destacamos algúns aspectos



Nomeamento de persoal funcionario interino

Artigo 31. Contratación de persoal laboral temporal e nomeamento de persoal funcionario interino no ámbito da Comunidade Autónoma e os seus organismos autónomos.

Un. Durante o ano 2012 non se procederá á contratación de novo persoal laboral temporal nin ao nomeamento de persoal estatutario temporal, nin ao nomeamento de persoal funcionario interino, nos supostos previstos no artigo 9.2 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal dos servizos de saúde, e na letra a) da alínea Un do artigo 10 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, no ámbito ao que se refire a letra b) da alínea Seis do artigo 13 desta lei, xa se trate de postos reservados nas relacións de postos de traballo a persoal laboral, estatutario ou a persoal funcionario.

Quedan exceptuados do disposto no parágrafo anterior e para cubrir necesidades urxentes e inaprazables:

a) Persoal docente, non docente e laboral de centros docentes.

b) Persoal dos centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde.

c) Persoal de centros e residencias de servizos sociais.

d) Persoal adscrito ao servizo de defensa contra incendios forestais.

e) Persoal laboral e persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.

f) Persoal adscrito ao sistema integrado de emerxencias e protección civil.

As devanditas contratacións adecuaranse estritamente ás necesidades do servizo e terán como límite máximo as previsións orzamentarias establecidas para o efecto.

As direccións xerais competentes remitiranlle á Dirección Xeral de Orzamentos, con periodicidade mensual, a relación de todas as contratacións de persoal laboral e o nomeamento de persoal funcionario interino e persoal estatutario interino realizados con base nesta excepción. Xunto coa relación achegarase unha memoria explicativa que xustifique a necesidade urxente e inaprazable e o carácter imprescindible para o funcionamento do servizo.

Excepcionalmente, poderán realizarse contratacións de persoal laboral temporal ou nomearse persoal funcionario interino para a cobertura de postos vacantes cuxa necesidade de cobertura xurda ao longo do ano 2012 nas relacións de postos de traballo, logo da autorización conxunta da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Orzamentos. Para estes efectos, o departamento solicitante deberá remitir unha memoria xustificativa de que a cobertura do posto resulta absolutamente imprescindible para o funcionamento do servizo.

Dous. Durante o ano 2012 poderán atenderse os excesos ou as acumulacións de tarefas mediante a contratación temporal de persoal laboral e o nomeamento de persoal funcionario interino sen adscrición a praza, logo da autorización conxunta da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral de Orzamentos e de acordo cos límites que se establecen na letra a) da alínea Tres do artigo 9 desta lei. O gasto derivado destas contratacións imputarase necesariamente aos subconceptos 131.24, «Acumulacións de tarefas de persoal laboral temporal», e 120.24, «Acumulacións de tarefas de persoal funcionario non docente».

Para estes efectos, o departamento solicitante deberá remitir unha memoria xustificativa de que a contratación resulta absolutamente imprescindible para o funcionamento do servizo.

Tres. Así mesmo, poderán acordarse as substitucións transitorias, logo da autorización conxunta da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Orzamentos, sempre dentro das limitacións orzamentarias previstas e que cando unha vez valorada polos responsables de xestión a duración prevista da devandita situación resulten absolutamente imprescindibles para o funcionamento do servizo.

Quedan exceptuados, sempre dentro das limitacións orzamentarias previstas, as seguintes substitucións:

a) Persoal docente, non docente e laboral de centros docentes.

b) Persoal dos centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde.

c) Persoal de centros e residencias de servizos sociais.

d) Persoal adscrito ao servizo de defensa contra incendios forestais.

e) Persoal veterinario que preste os seus servizos en matadoiros e lonxas ou nos servizos de sanidade e produción animal dependentes da Consellería do Medio Rural.

f) Persoal administrativo que preste os seus servizos nas oficinas de rexistro unificadas da administración da Comunidade Autónoma.

g) Persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.

h) Persoal que se atope en situación de permiso por parto, adopción ou acollemento.

Catro. De conformidade co establecido neste artigo, a aplicación dos pactos e acordos que prevexan medidas relativas á cobertura das ausencias do persoal das institucións sanitarias deberá respectar o carácter absolutamente imprescindible das substitucións transitorias do persoal. En consecuencia, serán os órganos de xestión das institucións sanitarias os que, atendendo as necesidades asistenciais, determinarán as medidas axeitadas para manter a cobertura asistencial, adecuándose, asemade, aos principios e criterios de responsabilidade na xestión do gasto e de eficiencia na asignación e o emprego dos recursos públicos, atendendo a situación económica e o cumprimento do principio de sustentabilidade financeira, consonte o preceptuado na Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira.

Cinco. Poderá efectuarse o nomeamento de persoal funcionario interino para a execución de programas de carácter temporal, segundo o previsto no artigo 10.1.c) da Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o Estatuto básico do empregado público, logo do informe conxunto da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Orzamentos, cos seguintes requisitos:

a) O financiamento debe proceder de fondos da Unión Europea ou da Administración estatal.

b) A duración do nomeamento non poderá exceder a execución do programa e non superará o prazo de dous anos, agás prórroga da execución do programa como consecuencia de novo financiamento.

c) O persoal funcionario interino non ocupará prazas da relación de postos de traballo e a súa selección e nomeamento axustaranse ao procedemento establecido polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento do persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.





Oferta de empreo público

Artigo 30. Oferta de emprego público ou outro instrumento similar de xestión da provisión de necesidades de persoal para o ano 2012.

Un. Durante o ano 2012, o número total de prazas de novo ingreso do persoal do sector público ao que se refire a alínea Seis do artigo 13 desta lei será, como máximo, igual ao 10% da taxa de reposición de efectivos e concentraranse nos sectores, as funcións e as categorías profesionais que se consideren absolutamente prioritarios ou que afecten o funcionamento dos servizos públicos esenciais. Para estes efectos, consideraranse efectivos aqueles que veñan desempeñando a súa actividade en servizos que teñen carácter permanente na Comunidade Autónoma. Dentro deste límite, a oferta de emprego incluirá todos os postos e prazas desempeñados por persoal laboral contratado ou persoal interino nomeado, ao que se refire a alínea a) do punto 1 do artigo 10 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, excepto aqueles sobre os que exista unha reserva do posto ou que estean incursos en procesos de provisión ou se decida a súa amortización. Con este fin, realizaranse as adecuacións nos orzamentos que resulten precisas e sempre de acordo co previsto no artigo 10 desta lei.

En calquera caso, as prazas correspondentes aos nomeamentos a que se refiren os artigos 10.1.a) da Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o Estatuto básico do empregado público, e 9.2 da Lei 55/2003, de 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal dos servizos de saúde, e as contratacións de persoal interino por vacante computarán para os efectos de cumprir o límite máximo da taxa de reposición de efectivos na oferta de emprego público correspondente ao mesmo ano no que se produza o nomeamento ou a contratación, e, se non for posible, na seguinte oferta de emprego público, agás que se decida a súa amortización.

Dous. O Consello da Xunta poderá autorizar, coa limitación establecida na alínea Un deste artigo, por proposta da Dirección Xeral da Función Pública ou, se é o caso, das consellarías competentes na materia e co informe favorable da Dirección Xeral de Orzamentos, a convocatoria das prazas vacantes de persoal funcionario e do persoal laboral incluído no ámbito de aplicación do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Tres. As convocatorias de prazas vacantes do persoal laboral propio das entidades instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma deberán ser autorizadas pola Dirección Xeral da Función Pública e pola Dirección Xeral de Orzamentos.

Disposición adicional décimo primeira. Actualización da oferta de emprego público ou outro instrumento similar de xestión da provisión de necesidades de persoal para o ano 2012.

A taxa de reposición establecida para o persoal ao servizo da Comunidade Autónoma no título II desta lei adecuarase en todo caso ao que se estableza na normativa básica do Estado para o exercicio 2012.