Establecidas medidas provisionais ata a adaptación de Minerva ás novas reformas lexislativas


12 dic 2011


Publicado na intranet xudicial




Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT) vén de establecer unhas medidas de carácter provisional e transitorio para minimizar no posible os efectos negativos de non dispoñer da versión da aplicación de xestión procesual Minerva adaptada ás novas reformas lexislativas publicadas recentemente.

As medidas foron establecidas de xeito coordinado coa Secretaría de Goberno e a Presidencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), debido a que o Ministerio de Xustiza no distribuíu a versión da aplicación de Minerva que recolle as reformas lexislativas recentemente publicadas: Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social; Lei 37/2011, do 10 de outubro, de medidas de axilización procesual; e Lei 38/2011, do 10 de outubro, de reforma da Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal.
As medidas, de carácter provisional e transitorio, ata que non estea dispoñible a versión adaptada do sistema Minerva, consisten en:
  • Habilitar o rexistro nas oficinas de rexistro e repartición para o novo proceso monitorio dos xulgados do social.
    • Establécese a creación dunha nova clase de repartición (asignación directa) para este procedemento, con carácter provisional, ata que as xuntas de xuíces acorden novas normas de repartición.
    • Os xulgados do social deberán incoar estes rexistros como GUB (expediente gobernativo) ata que non se dispoña na aplicación do novo procedemento monitorio.
  • Facilitar nos xulgados do social a tramitación dos procedementos con documentos adaptados á nova lexislación.
    • No caso de que se reciba do Ministerio de Xustiza unha nova colección de documentos xa adaptados antes do día 12 de decembro, estes serán postos á disposición dos usuarios a través da unidade compartida dos órganos xudiciais (o cartafol denominarase "Documentos LRJS").
    • No caso de non recibir os ditos documentos antes do 12 de decembro, tentarase poñer á disposición dos usuarios unha colección reducida dos trámites máis habituais para o novo procedemento monitorio.
    • Para integrar en Minerva os documentos xerados poderá utilizarse o trámite de texto libre absoluto (S99AA0), tendo en conta que este trámite permite engadir o título para o documento xerado, co obxectivo posterior de identificar os trámites xa realizados no procedemento.
Todas estas medidas, de carácter provisional e transitorio, aplicaranse ata que estea dispoñible a versión adaptada do sistema Minerva ás reformas indicadas e se poidan efectuar as comprobacións funcionais precisas antes da súa posta en produción para os órganos xudiciais.

Para máis información, poden poñerse en contacto co CAU de Xustiza.