Interinos. CCOO solicita a convocatoria urxente da Comisión paritaria autonómica


22 nov 2011


Escrito remitido á Dirección Xeral de Xustiza




DIRECTOR XERAL DE XUSTIZA DE GALICIA
PRAZA DE EUROPA Nº 5-A 4º ANDAR
SANTIAGO DE COMPOSTELA


Na Orde de 10 de febreiro de 2009 sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de Xustiza de Galicia recóllese de xeito literal o seguinte


Artigo 16º.-Participación e información:

1. Os sindicatos presentes na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal ao Servizo da Administración de Xustiza en Galicia participarán en todo o proceso de elaboración e selección dos integrantes da bolsa de interinos a través dunha comisión paritaria integrada por un representante de cada sindicato e da Dirección Xeral de Xustiza, que velará pola súa aplicación e desenvolvemento.

2. En cada delegación provincial constituirase unha comisión de selección dos integrantes das bolsas, que deberá reunirse, polo menos, unha vez ao mes, para analizar as peticións e o control da correspondente bolsa. Estas comisións estarán compostas por un representante da delegación provincial e por un representante de cada un dos sindicatos que conformen a Mesa Sectorial de Xustiza.



Desde o mes de maio, aproximadamente, e coincidindo cos recortes na Administración de Xustiza de Galicia, nada do recollido no artigo 16 estase cumprindo. E o que é peor, os nomeamentos decídense en función a un único motivo “o aforro”, obviando as necesidades dos órganos xudiciais.

Está política “economicista” esta afectando á cobertura de baixas de longa duración (hai prazas que levan máis de 2 meses e medio sen cubrir), suprimíronse 33 reforzos en toda Galicia e non se crearon reforzos, avalados por informes de Maxistrados, Secretarios e o propio CGPJ, en xulgados onde a carga de traballo, como consecuencia da “estafa” que estamos sufrindo, están ao limite do colapso. O máis grave é que a Dirección Xeral está facendo traballar xulgados con una plantilla inferior á que marca a Lei.

Para CCOO é imprescindible que se cumpra co recollido na Orde de 10 de febreiro de 2009, sobre selección e nomeamento de interinos, e se convoquen as reunións mensuais da Comisión Paritaria, que se cubran todas as baixas de longa duración con funcionarios interinos, tras o mecanismo de substitucións entre os titulares, non só aquelas que a Administración considere necesarias, é dicir case ningunha.

CCOO solicita que de xeito urxente se convoque a Comisión Paritaria Autonómica para tratar este e outros asuntos que están pendentes de estudo, como a adaptación do artigo 20.3 da orde do 13 de agosto de 2010, tal e como se quedou na última Comisión Paritaria Autonómica, e outros puntos que están xerando problemas de interpretación e que están afectando os traballadores.

18 de novembro de 2011


Pablo Valeiras Rios
Responsable do Sector de Xustiza de Galicia