Calendario laboral para o ano 2012 na Comunidade Autónoma de Galicia


4 jul 2011


Publicado no Diario Oficial de Galicia do 4 de xullo



Consellería de Traballo e Benestar


Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 128/2011, do 30 de xuño, polo que se determina o calendario laboral para o ano 2012 na Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 37.2 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito estatal, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas das festas de ámbito estatal, as comunidades autónomas teñen facultades de opción ou substitución por outras que por tradición lles sexan propias.

En virtude destas facultades, na nosa comunidade autónoma, e ao coincidir en domingo o 1 de xaneiro, Aninovo, facendo uso da posibilidade recollida no artigo 45.3 do Real decreto 2001/1983, optouse pola súa substitución polo día 17 de maio, Día das Letras Galegas, que pola súa significación xa foi implantada como festa laboral noutras ocasións, seguindo, deste xeito, o criterio de festas laborais para conmemorar todo o que forma parte da nosa tradición, historia e cultura.

Segundo o establecido na Constitución española e no artigo 29.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia, asumidas e asignadas polo Decreto 117/1982, do 5 de outubro, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trinta de xuño de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Conforme o establecido no artigo 37.2 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, modificado polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, de non se producir modificación no calendario laboral de carácter estatal, as festas laborais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 serán as seguintes:

– 6 de xaneiro: Día de Reis

– 5 de abril: Xoves Santo

– 6 de abril: Venres Santo

– 1 de maio: Festa do Traballo

– 17 de maio: Día das Letras Galegas

– 25 de xullo: Día Nacional de Galicia

– 15 de agosto: A Asunción

– 12 de outubro: Día da Hispanidade

– 1 de novembro: Todos os Santos

– 6 de decembro: Día da Constitución

– 8 de decembro: A Inmaculada


– 25 de decembro: Nadal

As festas mencionadas terán carácter retribuído e non recuperable.

Artigo 2.

Conforme o disposto no artigo 37.2 do Estatuto dos traballadores, artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e artigo 1.11 do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, que serán determinadas polo/a xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar en cada unha das xefaturas territoriais da comunidade autónoma, por proposta do órgano municipal competente dos respectivos concellos, e publicaranse nos boletíns oficiais de cada provincia e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3.

De acordo co que dispón o artigo 48.7 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as festas laborais sinaladas no artigo 1 terán o carácter de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos.

Disposición derradeira.

Este decreto producirá efectos desde o día un de xaneiro do ano dous mil doce.

Santiago de Compostela, trinta de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar