Ferrol: Convocatoria de concentración


20 jun 2011


Nota informativa de CCOO de Xustiza



Convocatoria dunha sentada no recibidor principal do Edificio xudicial de Ferrol para o día 21 de xuño, ás 9:30 horas, en protesta pola falta de compromiso da Administración para poñer en funcionamento o ascensor central do edificio antigo


Dende case o comezo das obras de rehabilitación do edificio dos xulgados ata hoxe, o ascensor central (de uso público) do edificio antigo está sen entrar en funcionamento.

Puxémonos en contacto coa Consellería de Presidencia a fin de saber cal era o motivo da demora. Informóusenos que a raíz do proceso concursal ao que está sometido a primeira empresa concesionaria das obras (Feiju Galicia, S.L), a empresa subcontratada para a instalación dos ascensores (Otis, S.L.) négase a dar o boletín selado por industria para poder poñer en funcionamento un dos ascensores laterais (o que da acceso á Fiscalía), e a rematar o ascensor principal, cuxas obras se atopan feitas nun 20% da totalidade. Como queira que a Consellería da Presidencia xa pagou o importe total de dous ascensores e o 20% do terceiro ascensor do edificio antigo á empresa Feiju Galicia, S.L., e que a empresa subcontratada Otis, S.L. aínda non cobrou por estar pendente de elo no proceso concursal, a situación da posta en funcionamento dos ascensores atópase bloqueado polas dúas bandas; pola Consellería porque xa fixo o pago das contías certificadas, e da empresa Otis porque aínda non cobrou a totalidade dos importes para o remate da obra.

Como queira que sexa, os que estamos a padecer esta situación somos os traballadores da Administración de Xustiza da cidade e os centos de persoas que a diario acoden ás dependencias xudiciais.

Cremos que xa somos pacientes dabondo coas molestias que se están a padecer por estas interminables obras, como para que teñamos que aturar a incomodidade de non dispoñer dun dos ascensores principais da sede sen visos de solución.

Con tal motivo convocámosvos para mañá martes 21 de xuño ás 9,30 horas no recibidor principal do novo edificio para facer unha sentada de 10 minutos en protesta pola situación que se está a padecer.