CCOO esixe que se cumpra a preferencia do funcionariado de Xustiza para ser profesores nos cursos de formación


27 jun 2011


Escrito remitido á EGAP e á Dirección Xeral de Xustiza



SR. DIRECTOR DA EGAP
Rúa Madrid nº 2- 4 Fontiñas.
15.707 Santiago de Compostela.

Cando no ano 2009 a formación dos traballadores da Administración de Xustiza de Galicia asumiuna a EGAP(Escola Galega de Administracións Públicas), CCOO e o resto de organizacións sindicais esiximos que todos os acordos alcanzados nos anos anteriores coa Dirección Xeral foran respectados. Esixencia que foi asumida pola EGAP e, como non podía ser menos, pola propia Dirección Xeral de Xustiza.

A preferencia dos traballadores da Administración de Xustiza para ser nomeados profesores en todos os cursos dirixidos aos funcionarios da Administración de Xustiza de Galicia, sempre que cumpran cos requisitos da convocatoria, era un dos acordos negociados coa Dirección Xeral de Xustiza.

Con todo a EGAP só cumpriu en parte co acordo ao recoñecer o dereito a participar nas bolsas de formadores da propia EGAP, dereito, por certo, que ten calquera cidadán, obviando recoller a preferencia dos traballadores da Administración de Xustiza a condición de que teñan a titulación esixida. O único que se recolle na Intranet de Xustiza é o seguinte:

“PROFESORES CURSOS FORMACIÓN XUSTIZA.- Co fin de facilitar a participación do persoal da Administración de xustiza como profesores nos cursos dirixidos aos funcionarios da Administración de xustiza en Galicia, lémbrase que a EGAP ten á vosa disposición, de xeito permanente, o rexistro de formadores na súa web http://egap.xunta.es para todos aqueles que desexen darse de alta como profesores na súa bolsa de formadores. Concretamente, aqueles interesados en impartir os cursos da modalidade de teleformación comprendidos na programación 2011"

Na reseña da Intranet tamén se incumpre a obrigación de ofertar todos os cursos, só aparecen referenciados os seguintes: a nova oficina xudicial, formación sobre o traballo nos servizos comúns, organización xudicial e execución civil, omitindo cursos como Inglés( en anteriores edicións varios traballadores de xustiza impartiron estes cursos), Open Office( hai varios informáticos), formación de mandos intermedios da oficina Xudicial, Cursos de titores de interinos ( noutras comunidades son os propios traballadores os que realizan esta función), Formación avanzada nos sistemas de información no ámbito de xustiza), etc.

Por todo o anteriormente exposto

Solicitamos que se recoñeza a preferencia dos traballadores de Xustiza, para exercer de profesores de todos os cursos correspondentes á programación do ano 2011, sempre que cumpran cos requisitos da convocatoria,

Así mesmo solicitamos que se nos notifique o nome e Administración dos profesores que impartirán os cursos

Vigo, 24 de xuño de 2011

Ado. Pablo Valeiras Rios
Responsable do Sector de Xustiza de CCOO