As persoas interesadas en realizar as probas de coñecemento de lingua galega poderán inscribirse ata o día 29 de abril


26 abr 2011


Publicado en www.xunta.es

O próximo sábado remata o prazo para a convocatoria dos exames de Galicia, do resto de España e de Europa, que se levarán a cabo no mes de xuño

Aqueles que se presenten ás probas en América poderán realizar a inscrición ata o 30 de xuño

O próximo sábado, 29 de abril, remata o prazo de inscrición para as probas de certificación de lingua galega que terán lugar no mes de xuño e que se realizarán en Galicia, no resto do Estado español e en Europa. Os exames desta primeira convocatoria do ano levaranse a cabo na fin de semana do 18 e 19 de xuño, para o Celga 4 e 2, respectivamente. As probas para os niveis 3 e 1 realizaranse unha semana máis tarde, os días 25 e 26, respectivamente.

Segundo a Resolución do 25 de xaneiro de 2011, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega nos niveis Celga 1, 2, 3 e 4, os exames de Galicia levaranse a cabo nas localidades da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo. No resto do Estado español, serán Barcelona, Bilbao, Cáceres, Granada, Madrid, Murcia, Ponferrada (León), Salamanca, Vitoria e Alacante os lugares que acollan a realización das probas. En Europa, está previsto que as persoas interesadas se poidan presentar aos exames Celga en Berlín, Heidelberg, Kiel, Tubinga e Leipzig (Alemaña); París (Francia); Cork (Irlanda); Padua e Roma (Italia), Varsovia (Polonia); Braga, Faro e Lisboa (Portugal); Bangor, Birmingham e Oxford (Reino Unido) e Zadar (Croacia).

Convocatoria de probas Celga en América

Por outra banda, a segunda convocatoria de probas deste ano terá lugar en América no mes de outubro e os interesados en presentarse a esta convocatoria poderán inscribirse ata o 30 de xuño. Segundo os niveis, os exames realizaranse os días 6, para o Celga 2 e 4, e o día 7, para o Celga 1 e 3. Os lugares nos que está previsto que se leven a cabo as probas son Bos Aires (Arxentina); Río de Xaneiro, Salvador de Baía, São Paulo (Brasil) e Santiago de Chile (Chile).

Destinatarios

As probas Celga están dirixidas ás persoas maiores de 16 anos ou que os fagan antes de finais do ano en que se convocan, tanto nacionais como estranxeiras.

En 2010 presentáronse ás probas en Galicia un total de 4.155 persoas, 360 persoas para acceder ao Celga 1, 879 persoas para o Celga 2, 1.227 para o Celga 3 e 1.689 para acceder ao Celga 4.

Reforzar a competencia en galego da cidadanía

O Celga é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas. Configurado mediante distintos niveis de lingua, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os seguintes contidos: lingua e comunicación (funcións comunicativas), lingua e sistema (coñecemento do código) e lingua, cultura e sociedade (contidos socioculturais).

Anualmente, a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca probas para a obtención destes certificados acreditativos de coñecemento da lingua galega, así como cursos para prepararse para elas. Ambas as dúas iniciativas enmárcanse dentro dunha das principais liñas de actuación do departamento que dirixe Anxo Lorenzo e que ten como obxectivo reforzar a competencia en galego da poboación adulta.

Enlace permanente