A Xunta aproba o proxecto de acreditación dixital do empregado público


31 mar 2011


Publicado en www.xunta.es

Santiago, 31 de marzo de 2011.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe que o proxecto de acreditación dixital do empregado público, Kronos, permitirá cumprir un triplo obxectivo: “Facer posible unha verdadeira relación telemática cos usuarios da administración e os empregados públicos; que os empregados públicos se poidan acoller as vantaxes de flexibilidade laboral e do teletraballo no futuro; e que estean sometidos a un control horario homoxéneo nas dependencias da Xunta”.

Neste contexto, Núñez Feijóo sinalou que o proxecto comezará a implantarse a partires de abril, despregándose “o sistema de acreditación dixital a cada un dos 20.000 traballadores que prestan servizos na Xunta e na administración de xustiza”. Deste xeito, lograrase identificar, “de forma conxunta, o titular do posto de traballo, o cargo que ostenta e o órgano ao que pertence”.

Así, explicou Feijóo, “o certificado prové o empregado público da sinatura electrónica, recoñecida co mesmo valor que a sinatura manuscrita de acordo coas certificacións expedidas pola Fábrica Nacional de Moneda e Timbre”. O soporte físico, segundo explicou o mandatario galego, será unha tarxeta intelixente con tres dispositivos: un chip criptográfico, que albergará varios certificados dixitais, entre eles o de persoal ao servizo das administracións públicas; unha banda magnética, cos datos do profesional para o seu emprego en todos os sistemas de información aos que teña acceso; e tamén a identificación por radiofrecuencia para o control de acceso a lugares de paso restrinxido aos que teña acceso si fora o caso.

Para a expedición desta tarxeta, apuntou Feijóo, “se habilitarán 15 puntos”, empezando por “San Caetano, tamén en San Lázaro, nas delegacións da Xunta na Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol, e nos edificios dos xulgados de cada unha das sete grandes cidades galegas”.

Flexibilidade horaria

O proxecto Kronos facilitará tamén a flexibilidade horaria dos empregados públicos, aspecto que, como apuntou Núñez Feijóo, “se negociará no ámbito da mesa social da función pública e da mesa da xustiza”. Dita flexibilidade consistirá “nunha parte fixa, de obrigado cumprimento, e dunha parte variable” que totalice a xornada laboral. Ademais, proseguiu Feijóo, “se habilitarán os mecanismos para que os empregados públicos poidan acceder ao teletraballo e, no que se refire ao novo sistema de control horario, estará dispoñible desde calquera ordenador da rede corporativa da Xunta a través da intranet da mesma”.

Así mesmo, e no tocante ao plan de implantación do proxecto, Feijóo avanzou que, “con carácter inmediato”, se procederá á creación do punto en San Caetano para emitir os certificados dixitais. “Ao longo deste ano –anunciou- se comezará a acreditar dixitalmente e porase en marcha a fase piloto de control horario en sete departamentos seleccionados da Xunta de Galicia. A finais do ano 11, se iniciará a administración selectiva do sistema, e no segundo semestre do 12, os 20.000 empregados públicos terán que ter en posesión esta tarxeta para poder operar e para poder buscar todas as capacidades que permite”.

250 prazas de emprego público

Por outra banda, o titular do Executivo autonómica resaltou, tamén, a oferta de emprego público anunciada esta semana, que tratará de conquerir catro obxectivos : “Cumprir a Lei de Oferta Pública de Emprego; non incrementar o gasto de funcionamento das administracións públicas; dotar de estabilidade os empregados públicos; e focalizar nas profesións que a Xunta necesita máis, como son mestres de Infantil e de Primaria, ou técnicos de urbanismo entre outras”.

Para ilo, Núñez Feijóo recordou que, no ámbito da administración autonómica xeral, convócanse 250 prazas: 154 de novo ingreso e 96 de promoción interna. “Cumprimos a lei dado que esta esixe que a taxa de reposición de efectivos non supere o 10%. E todas as prazas que ofertamos xa teñen crédito por estar ocupados con contratos de interinidade ou contratos non indefinidos”, apuntou Feijóo.

Así mesmo, no ámbito da Educación convócanse 268 prazas -100 de Infantil, 150 de Primaria e 18 de artes plásticas e deseño- que cumpren tamén “a lei, neste caso de Educación, ao axustarse ao máximo do 30% da taxa de reposición que establece o Goberno central”.

Enlace permanente