Versión completa da disposición nun ou varios arquivos pdf: - 03900D004P012.PDF
Resolución do 15 de febreiro de 2011, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se establecen os permisos retribuídos dos que poden gozar os electores para órganos de representación de persoal da Administración de xustiza, que exerzan o dereito de voto o vindeiro día 10 de marzo.
De conformidade co establecido no artigo 503º da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial; modificada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, como tamén no artigo 27º da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación do persoal ao servizo das administracións públicas, en vigor, segundo a disposición transitoria quinta do Estatuto básico do empregado público, Lei 7/2007, do 12 de abril, de aplicación á Administración de xustiza por remisión do artigo 474º da Lei do poder xudicial, así como as directrices nesta materia da Orde do 18 de novembro de 2010 da Consellería de Facenda (DOG nº 227, do 25 de novembro), dítanse as seguintes instrucións:
Primeiro.-Para a elección de órganos de representación do persoal funcionario no ámbito da Administración de xustiza, os funcionarios exercerán o seu dereito ao voto o vindeiro día 10 de marzo nas mesas electorais correspondentes o seu ámbito funcional e territorial, e disporán dun permiso retribuído polo tempo indispensable para exercitar tal dereito na forma que se establece a seguir, agás os que exerzan o dereito ao voto por correo.
Aos funcionarios que gocen deste permiso poderalles ser exixida unha xustificación da efectividade do acto da votación, que para o efecto solicitarán da súa mesa electoral.
Segundo.-Os que deban exercer o dereito ao voto nunha mesa electoral situada no mesmo local ou edificio onde presten habitualmente os seus servizos ou estean destinados, poderán dispoñer dun permiso de dúas horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación.
Terceiro.-Os que deban exercer o dereito ao voto nunha mesa electoral situada na mesma localidade, pero distinto local ou edificio onde presten habitualmente os seus servizos ou estean destinados, poderán dispoñer dun permiso de tres horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación.
Cuarto.-Os que deban exercer o dereito ao voto nunha mesa electoral situada en localidade distinta da que presten habitualmente os seus servizos ou estean destinados, poderán dispoñer dun permiso de catro horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación, ou por aquel tempo maior e indispensable nos casos nos que as circunstancias así o impuxesen.
Quinto.-Os compoñentes das mesas e os interventores e apoderados das candidaturas, gozarán dun permiso retribuído de xornada completa no día da votación e dunha redución de cinco horas na xornada de traballo do día inmediatamente posterior.
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2011.
Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza