Eleccións sindicais. Permisos retribuidos para os que exerzan o dereito de voto


16 feb 2011


Eleccións sindicais: Resolución sobre permisos retribuidos para os que exerzan o dereito de voto o día 10-03-2011

A Dirección Xeral de Xustiza remitiunos a seguinte comunicación:

Para o voso coñecemento, achégamos a resolución do 15-02-2011 desta dirección xeral pola que se establecen os permisos retribuidos dos que poden gozar os electores para órganos de representación de persoal da Administración de xustiza, que exerzan o dereito de vogo o vindeiro día 10 de marzo.
A resolución está pendente de publicación no DOG

Resolución do 15 de febreiro de 2011 da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se establecen os permisos retribuídos dos que poden gozar os electores para órganos de representación de persoal da Administración de xustiza, que exerzan o dereito de voto o vindeiro día 10 de marzo.

De conformidade co establecido no artigo 503 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial; modificada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, como tamén no artigo 27 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación do persoal ao servizo das Administracións públicas, en vigor segundo a disposición transitoria quinta do Estatuto Básico do Empregado Publico, Lei 7/2007, do 12 de abril, de aplicación á Administración de xustiza por remisión do artigo 474 da Lei do poder xudicial, así como as directrices nesta materia da Orde do 18 de novembro de 2010 da Consellería de Facenda (DOG núm. 227 do 25/11/2010), dítanse as
seguintes instrucións:

Primeiro.- Para a elección de órganos de representación do persoal funcionario no ámbito da Administración de xustiza, os funcionarios exercerán o seu dereito ó voto o vindeiro día 10 de marzo nas mesas electorais correspondentes o seu ámbito funcional e territorial, e disporán dun permiso retribuído polo tempo indispensable para exercitar tal dereito na forma que se establece a seguir, agás os que exerzan o dereito ó voto por correo.

Ós funcionarios que gocen deste permiso, poderalles ser esixida unha xustificación da efectividade do acto da votación, que para o efecto solicitarán da súa mesa electoral.

Segundo.- Os que deban exercer o dereito ó voto nunha mesa electoral situada no mesmo local ou edificio onde presten habitualmente os seus servizos ou estean destinados, poderán dispoñer dun permiso de dúas horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación.

Terceiro.- Os que deban exercer o dereito ó voto nunha mesa electoral situada na mesma localidade, pero distinto local ou edificio onde presten habitualmente os seus servizos ou estean destinados, poderán dispoñer dun permiso de tres horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación.

Cuarto.- Os que deban exercer o dereito ó voto nunha mesa electoral situada en localidade distinta da que presten habitualmente os seus servizos ou estean destinados, poderán dispoñer dun permiso de catro horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación, ou por aquel tempo maior e indispensable nos casos nos que as circunstancias así o impuxesen.

Quinto.- Os compoñentes das mesas e os interventores e apoderados das candidaturas, gozarán dun permiso retribuído de xornada completa no día da votación e dunha redución de cinco horas na xornada de traballo do día inmediatamente posterior.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2011
O DIRECTOR XERAL DE XUSTIZA,Juan José Martín Alvarez