CCOO solicita que se paralice a entregar de tarxetas para Lexnet e que se convoque unha Mesa específica sobre Lexnet


9 feb 2011




Escrito remitido á Dirección Xeral de Xustiza

O pasado día 2 de decembro remitímoslle unha carta denunciando a actitude prepotente das persoas encargadas da repartición das tarxetas empregadas en Lexnet, e sobre todo a falta de negociación, cos representantes dos traballadores, de todo o relacionado con Lexnet: entrega de carné, condicións de utilización da firma dixital, obrigacións, destinatarios, implicacións, etc. Nesa carta diciamos entre outras cousas o seguinte:

” CC.OO sempre defendeu o servizo público, sobre todo nestes momentos en que todos os gobernos repercuten a crise provocada por uns poucos nos traballadores, tanto públicos como da empresa privada. Na Administración de Xustiza reflíctese esta defensa na esixencia de modernización da actual oficina xudicial ancorada no século XIX.
Pero desde Comisións Obreiras non apoiaremos e combateremos calquera intento de imposición dunha nova Oficina Xudicial. Así llo transmitimos ao Sr. Conselleiro e ao Director Xeral na constitución da Comisión Autonómica da Implantación da Nova Oficina Xudicial en Galicia.

Estes “formadores” preséntanse polos Xulgados sen previo aviso e sen convocatoria oficial algunha, solicitando, en primeira instancia, e coaccionando, en segunda, aos traballadores para que todos aqueles que teñan certificado dixital llelo entreguen e os que non o teñen, asinen un documento para solicitala, obviando absolutamente 3 principios básicos:

- Que a petición do certificado electrónico dixital é persoal, voluntaria e intransferible, xa que o D.N.I electrónico se creou para facilitar a relación telemática entre os cidadáns e os organismos públicos, permitindo a presentación de escritos, a solicitude de certificados, a realización de contratos ou calquera outra xestión con organismos públicos.

- Para posuír o D.N.I electrónico expedido pola FNMT é preciso subscribir un contrato entre o titular e a devandita entidade, que revoga e deixa sen efecto calquera outro D.N.I electrónico emitido a favor do titular polo FNMT. O titular, ao tempo de asinar o contrato, declara coñecer e aceptar as condicións de utilización do D.N.I electrónico e estar informado sobre o contido da “Declaración de Prácticas de Certificación”. O titular ten que facilitar, polo menos, os seus datos persoais, número de carné de identidade e domicilio particular.

- Por iso, desde a Consellería ou desde o Ministerio de Xustiza débese subscribir un acordo coa FNMT polo que se faga entrega a cada traballador dun certificado para funcionarios das Administracións públicas, que é distinto do certificado persoal. Así, os traballadores poderán dispor do seu propio carné dixital persoal para realizar as súas xestións privadas coa Administración e outro carné dixital de empresa ou laboral, destinado este último á función do traballador público.

Por todo iso solicitamos que de xeito inmediato se paralicen as peticións de certificado dixital os traballadores mentres non se convoque unha Mesa de NOX para tratar a problemática”.

Por mor da carta desde esa Dirección Xeral se decidiu paralizar a formación e a entrega de tarxetas mentres non se convocará unha Mesa especifica sobre Lexnet, decisión ratificada ante o Conselleiro, na Mesa Sectorial do pasado día 20 de xaneiro de 2011.

Cal é a nosa sorpresa que menos dun mes despois os “formadores” aparecen novamente, sen previo aviso, pola cidade de Ferrol entregando a torto e a dereito tarxetas aos traballadores, obviando a decisión tomada polo Director Xeral en Mesa Sectorial.

Por todo o exposto esiximos que de xeito inmediato se paralice a entrega de tarxetas e calquera acto relacionado con Lexnet ata que non se convoque a Mesa especifica de Lexnet comprometida por vostede.

A 09 de febreiro de 2010

Asdo. Pablo Valeiras Rios
Responsable do Sector de Xustiza de Galicia