Publicado en www.amesanl.org
Desde o 4 de maio de 2010, os programas informáticos proporcionados pola Xunta impiden o uso do galego na administración de xustiza
Carlos Callón: “Debido aos obstáculos postos pola Xunta, os actos xurídicos en galego reducíronse á metade de 2009 a 2010 e deixaron de realizarse xuízos rápidos no noso idioma”
Carlos Callón: “Debido aos obstáculos postos pola Xunta, os actos xurídicos en galego reducíronse á metade de 2009 a 2010 e deixaron de realizarse xuízos rápidos no noso idioma”
A Mesa pola Normalización Lingüística considera que “clama ao ceo” o nivel de discriminación que padece o galego na administración de xustiza, “onde as persoas que queren usar o idioma propio do país son tratadas de forma deficiente, irregular e, sobre todo, inxusta”. Para o presidente desta entidade, Carlos Callón, “actúase como se o noso idioma non fose oficial e a principal responsábel desta situación é a Xunta”.
A Mesa pon como exemplo que o novo programa informático proporcionado polo Goberno galego, denominado Minerva, impide desde o 4 de maio de 2010 o uso da lingua galega en calquera procedemento da administración de xustiza. “Co goberno de Alberto Núñez Feijóo, non só non se removeron as dificultades que padecía o noso idioma nese ámbito, senón que se colocaron novos obstáculos. É por iso que se pasou de que en 2009 houbese 57.011 actos xurídicos en galego a case a metade no ano seguinte: 30.334”, sinala a entidade.
Ademais, desde A Mesa proporcionan outro dato “moi preocupante” sobre “as consecuencias nefastas da política lingüicida da Xunta”: se no ano 2009 foran 70 os xuízos rápidos en galego, desde o 4 de maio de 2010, co novo programa informático da Xunta, a cantidade reduciuse a cero.
“Aquí está a liberdade lingüística de Núñez Feijóo!”, ironizou Callón, quen o pasado mes de decembro tamén sufriu en primeira persoa as consecuencias da política lingüística da Xunta no ámbito xudicial, pois negáronlle o seu dereito legal a recibir as notificacións e a documentación en galego.
Enlace permanente