Cursos de lingua galega


19 ene 2011




Publicado no Diario Oficial de Galicia do 19 de xaneiro



Versión completa da disposición nun ou varios arquivos pdf:  - 01200D005P032.PDF


Orde do 13 de xaneiro de 2011, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncian, con carácter voluntario e gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, para particulares (adultos) e colectivos de Galicia, no ano 2011 (ED104B).



A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, recollendo o que dispoñen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial en Galicia. En consonancia con iso, recoñécelle á cidadanía o dereito de coñecelo e de usalo. Pero non estaría garantido ese dereito se os cidadáns non tivesen a posibilidade de aumentar (ou iniciar, se é o caso) o coñecemento e o dominio da lingua propia de Galicia.


O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o día 22 de setembro de 2004, contén, entre outras, varias medidas, dirixidas aos adultos e á sociedade, encamiñadas a renovar a política lingüística con respecto ao uso do galego, adecuándoa aos tempos actuais, co fin de equilibrar unha situación social de desigualdade entre ambos os dous idiomas, o que exixe medidas favorables ao galego para alcanzar ese equilibrio.


A estrutura e o contido destes cursos están regulados mediante a Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG nº 146, do 30 de xullo; corrección de erros no DOG nº 178, do 13 de setembro).


Por todo iso,

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxecto.

Anunciar a convocatoria pública para solicitar participar en cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, para particulares (adultos) e colectivos, entidades e/ou organizacións, con carácter voluntario e gratuíto. Convócanse un total de 140 cursos.


Os cursos realizaranse nas localidades que se citan no anexo III e naquelas que determine a Secretaría Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a distribución xeográfica destas, agrupándoas preferentemente por bisbarras.


Para facilitar a participación de todas as persoas interesadas, esta secretaría realiza unha oferta de cursos de programación directa (anexo III) e foméntase a colaboración de colectivos e/ou entidades que, pola súa proximidade á cidadanía, coñecen de forma directa a demanda e necesidades de formación de lingua galega no seu ámbito e que estean interesados en organizar algún curso.


Segundo.-Destinatarios.

A convocatoria está dirixida aos seguintes destinatarios:

a) Particulares que desexen participar nalgún dos cursos que figuran no anexo III desta convocatoria.


b) Colectivos, entidades e/ou asociacións que desexen organizar cursos de lingua galega e que conten cun mínimo de 20 persoas preinscritas para participar nos cursos (nome, apelidos e número de DNI/pasaporte).


Terceiro.-Prazo para impartir os cursos.

Os cursos que se organicen e impartan ao abeiro desta convocatoria deberán estar finalizados antes do 16 de xuño de 2011.


Cuarto.-Contido e desenvolvemento dos cursos.

Os cursos axustaranse aos obxectivos, ao programa e ao contido curricular establecidos para cada un dos niveis na Orde do 16 de xullo de 2007, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no DOG número 146, do 30 de xullo.


Para conseguir o axeitado rendemento e aproveitamento do curso hai que procurar a homoxeneidade de coñecementos do alumnado, polo que, tanto os particulares como as entidades, á hora de formularen a solicitude dun curso dun determinado nivel Celga, deberán ter en conta a definición de contidos previstos na norma anterior. En todo caso, o profesor, no momento de iniciar o curso, valorará os coñecementos previos do alumnado e, se for conveniente, indicaralle o nivel máis aconsellable para os seus coñecementos.


A Secretaría Xeral de Política Lingüística non expedirá ningún tipo de certificación ou diploma de asistencia aos cursos preparatorios para as probas Celga. Realizarase control de asistencia para seguimento e control da calidade do curso.


Para obter a acreditación do nivel de coñecemento e dominio da lingua galega, as persoas interesadas terán que realizar as probas correspondentes, que se efectuarán en xuño de 2011, logo de convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia. A inscrición nas probas é independente da dos cursos. O prazo para a inscrición nas probas rematará o día 29 de abril de 2011.


O número máximo de asistentes a cada curso será de 30. Se quedasen prazas vacantes, poderán admitirse candidatos ata 3 días antes do inicio do curso. Os colectivos, entidades ou asociacións organizadoras deberán aceptar completar as prazas con persoas interesadas, aínda que non sexan afiliadas ou asociadas das propias entidades.


Se durante os dous primeiros días do curso se desen de baixa ou non asistisen as persoas inscritas nel, deberán ofrecérselles as prazas aos solicitantes que non fosen admitidos no primeiro chamamento.


Dado o carácter gratuíto dos cursos e para garantir un uso eficiente dos recursos públicos, se no transcurso do curso diminuíse de forma significativa o número de asistentes, a Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá acordar a súa cancelación, ofrecéndolles aos interesados a posibilidade de integrarse noutro curso, de ser posible, na mesma localidade.


Os cursos terán unha duración de 75 horas lectivas, distribuídas en sesións de dúas horas ou de dúas horas e media cada día. No caso dos cursos intensivos ou en casos excepcionais, debidamente xustificados, poderá autorizarse a realización de sesións con horario diferente.


Todas as actividades que se leven a cabo nestes cursos se realizarán, segundo o previsto na disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística, conforme as normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo de 2003, coidando o uso da toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10º da citada lei.


Quinto.-Dotación orzamentaria.

O gasto ocasionado pola realización destes cursos financiarase con cargo á partida orzamentaria 09 03 151A 640 2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, destinada a cursos e actividades de formación de lingua galega, ata unha contía de 450.000 euros. O custo medio por curso estímase en 3.178 euros.


Sexto.-Retribución para cada curso.

Os módulos de retribución dos cursos son os que se relacionan a continuación:

-Retribución profesor/a colaborador: 3.000 € (75 horas a 40 €/hora). Se se acordase a cancelación dun curso unha vez iniciado, o profesor será retribuído de acordo coas horas impartidas máis 100 euros en concepto de indemnización.


-Retribución coordinación, só en casos excepcionais, logo da autorización da Secretaría Xeral de Política Lingüística: 200 €.


-Retribución persoal subalterno ou auxiliar: 150 €.

-Material para o curso: ata 100 € (máximo). Aboaráselle directamente ao profesor, logo da presentación das facturas correspondentes, naqueles cursos en que non se dispoña de material para o alumnado, en formato papel ou na web.


Sétimo.-Designación de profesorado.

O profesorado destes cursos nomearao a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través dos xefes dos gabinetes provinciais de normalización lingüística ou da Subdirección Xeral de Política Lingüística.


Oitavo.-Solicitudes para participar ou organizar cursos.

As persoas interesadas e os colectivos, entidades e/ou asociacións formularán as solicitudes de acordo cos modelos de solicitude que figuran como anexo I (para particulares-adultos) e anexo II (para entidades ou colectivos), respectivamente.


As solicitudes dirixiranse aos gabinetes provinciais de normalización lingüística da provincia que corresponda. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral da Xunta de Galicia ou nas oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño (DOG do 24 de xuño), segundo o disposto no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro).


Os colectivos, entidades e/ou asociacións e persoas interesadas en xeral dispoñen dun formulario na web www.xunta.es/linguagalega que permite cubrir e editar a solicitude.


Noveno.-Prazo de presentación de solicitudes.

Establécese como data límite para a presentación de solicitudes o día 28 de febreiro de 2011, tanto para os particulares que dexexen participar nos cursos programados directamente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística no anexo III como para os colectivos, entidades e asociacións que organicen cursos.


O día 1 de marzo sairá publicada na páxina www.xunta.es/linguagalega unha convocatoria específica de cursos en liña para preparar a proba do celga 1.


Para facilitar a elección dos cursos, as persoas interesadas son informadas de que as próximas probas para acreditación do nivel de lingua galega, Celga, se efectuarán os días 18, 19, 25 e 26 de xuño de 2011 para os niveis Celga 4, 2, 3 e 1, respectivamente.



Décimo.-Documentación que se deberá achegar coa solicitude.

No caso das solicitudes formuladas por colectivos, entidades e/ou asociacións para organizar o curso, deberá achegarse a lista de persoas preinscritas (apelidos, nome e número de DNI).


Décimo primeiro.-Procedemento de selección.

Logo de recibir as solicitudes nos gabinetes provinciais de normalización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística, procederase a revisar a documentación presentada. Se se apreciasen erros ou omisións, comunicaráselles ás entidades ou persoas solicitantes para a súa emenda, de acordo co previsto no artigo 71º da Lei 30/1992.


As solicitudes de particulares que cumpran os requisitos seleccionaranse segundo a orde de entrada. No caso das solicitudes formuladas por colectivos, entidades e/ou asociacións, valorarase o número de persoas preinscritas e procurarase realizar unha distribución xeográfica atendendo ás áreas comarcais.


Décimo segundo.-Programación dos cursos.

1. Curso de programación directa para particulares.

Co fin de facilitar a inscrición dos particulares, ofértanse de forma directa os cursos que figuran no anexo III. Cada gabinete de normalización lingüística dos diferentes departamentos territoriais poderá ampliar a súa oferta de cursos de programación directa sempre que queden sen cubrir cursos dos programados por petición dos colectivos e entidades da súa provincia.


Se ás persoas interesadas non lles conviñese ningún dos cursos anteriormente ofertados, poderán solicitar que se teña en conta a súa solicitude para incluíla nalgún dos cursos programados por petición das entidades na localidade solicitada ou na súa proximidade.


As listas de admitidos faranse públicas na páxina web www.xunta.es/linguagalega, sete días naturais antes do comezo de cada curso.


2. Cursos programados por solicitude dos colectivos e entidades.

Logo de ver as solicitudes de colectivos, entidades e/ou asociacións e a distribución xeográfica destas, os gabinetes provinciais de normalización lingüística efectuarán unha proposta de programación de cursos para cada unha das provincias e daranlle conta diso á Secretaría Xeral de Política Lingüística para a súa validación conxunta.


Cando, por causa da contía e dos límites orzamentarios, non se poidan atender todas as peticións, elaborarase unha lista de solicitudes pendentes e, en caso de que algunha das entidades ás cales se lles conceda un curso, renuncie a el, asignaráselle á seguinte da lista.


Na programación sinalaranse as datas de comezo, horario e lugar onde se impartirá cada curso. En todo caso, os cursos organizados por colectivos ou entidades non poderán empezar antes do 28 de marzo nin rematar despois do 15 de xuño.


Décimo terceiro.-Resolución.

Respecto aos cursos ofertados directamente a particulares, tal como figuran no anexo III, autorizarán a súa realización os xefes territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a medida que se reciban 20 solicitudes/curso.


Respecto das solicitudes formuladas polos colectivos e/ou entidades, tal como se indica no parágrafo anterior, os gabinetes de normalización lingüística de cada provincia efectuarán unha proposta de programación, que valorará de forma conxunta a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Unha vez aprobada a programación, correspóndelles a resolución de autorización ás respectivas xefaturas territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Estas resolucións publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega) o día 17 de marzo de 2011.


Décimo cuarto.-Réxime de recursos.

Contra a resolución de concesión dos cursos, as entidades e persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o órgano que ditou o acto ou ante o competente para resolvelo (superior xerárquico), no prazo dun mes, contado a partir da publicación da resolución, segundo o disposto nos artigos 114º e 115º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.


Décimo quinto.-Prazo de resolución do procedemento e sentido do silencio.

De non recaer resolución expresa sobre as solicitudes presentadas no prazo de tres meses, que se contará desde a data de peche do prazo de presentación de solicitudes previsto na convocatoria, as solicitudes entenderanse desestimadas.


Décimo sexto.-Delegación de competencias e desconcentración de créditos.

Para unha máis eficaz xestión e desenvolvemento desta convocatoria, esta secretaría xeral desconcentrará os créditos necesarios para sufragar os gastos da programación en cada unha das provincias e deléganse as facultades para resolver e para xestionar os gastos relativos aos cursos programados en cada provincia nas correspondentes xefaturas territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas cales teñen establecida a súa sede os gabinetes provinciais de normalización lingüística de cada provincia.


Décimo sétimo.

Esta convocatoria tramítase ao abeiro da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, con base nas previsións de dotacións orzamentarias que figuran no proxecto de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2011, aprobado polo Consello da Xunta o día 19 de outubro de 2010. De acordo con isto, a convocatoria queda sometida á condición suspensiva de que exista crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas que dela derivan na Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2011.


Décimo oitavo.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o/a titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116º e 117º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben presentar directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10º e 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.


Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación
e Ordenación Universitaria
Ver referencia pdf "01200D005P032.PDF"