Cursos de linguaxe xurídica galega


29 jul 2010




Publicado no Diario Oficial de Galicia do 29 de xullo



Orde do 23 de xullo de 2010 pola que se convocan cursos de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior) para persoal ao servizo da Administración de xustiza e outros colectivos relacionados coa xustiza, que presten servizos dentro da comunidade autónoma.

Versión completa da disposición nun ou varios arquivos pdf: - 14400D005P026.PDF


Orde do 23 de xullo de 2010 pola que se convocan cursos de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior) para persoal ao servizo da Administración de xustiza e outros colectivos relacionados coa xustiza, que presten servizos dentro da comunidade autónoma.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, ao abeiro do disposto na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial das institucións da comunidade autónoma. En consecuencia con isto, recoñéceselles aos cidadáns o dereito de usalo, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración de xustiza. Ademais, para facer efectivo ese dereito, encoméndaselles aos poderes públicos autonómicos que vaian capacitando progresivamente no uso do galego o persoal que traballa ao servizo da Administración de xustiza.


A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten, entre outras competencias, a de promoción e ensino da lingua galega; e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Dirección Xeral de Xustiza, ten, entre outras, a competencia do impulso do uso do galego na Administración de xustiza en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, tal e como se recolle no artigo 19.3º b) do Decreto 303/2009, do 21 de maio.


Ambas as dúas institucións pretenden promover o uso da lingua galega de acordo co disposto nas seguintes normas:


-A Constitución española, no artigo 3.2º establece a oficialidade do español e das demais linguas nas respectivas comunidades autónomas, e no artigo 148.1º 17ª a posibilidade de que as comunidades autónomas asuman competencias en materia de ensino das súas linguas.


-O Estatuto de autonomía de Galicia, que no artigo 5 establece a oficialidade do castelán e do galego e a obriga dos poderes públicos de garantir o uso normal do galego e mais do castelán.


Así mesmo, o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o día 22 de setembro de 2004, contén, entre outros, os seguintes obxectivos referidos á Administración de xustiza:


-Conseguir que a todo cidadán se lle ofreza a opción de ser atendido en galego e, se o desexa, que todas e cada unha das partes do proceso se desenvolvan nesta lingua.


-Garantirlles a capacitación lingüística a todas as persoas que traballen na Administración de xustiza, de xeito que lle sexa doado ao cidadán exercer os seus dereitos lingüísticos.


-Propiciar o mesmo espírito de respecto á opción lingüística dos cidadáns por parte dos membros dos colexios oficiais de notarios e avogados no exercicio das súas funcións.


Con esta finalidade, a Xunta de Galicia elaborou un plan integral de estudos destinado aos funcionarios e persoal laboral que presten os seus servizos nos órganos galegos da Administración de xustiza de Galicia (notarios, rexistradores da propiedade, avogados, procuradores e alumnos da Escola de Práctica Xurídica), do que forman parte os cursos medio e superior de linguaxe xurídica galega.


Para levar a cabo o anteriormente exposto, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Secretaría Xeral de Política Lingüística asinaron, o 6 de abril de 2010, un acordo de colaboración polo que se establecen as condicións entre ambas as dúas institucións para potenciar o uso de galego na Administración de xustiza durante o ano 2010.


Unha das actividades recollidas no devandito acordo trata da convocatoria de cursos de formación de linguaxe xurídica galega dirixida os colectivos antes indicados.


Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Co obxecto de impulsar a normalización lingüística na Administración de xustiza, e en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convócanse cursos de linguaxe xurídica galega, niveis medio e superior.


2. Para acceder a estes cursos é necesario cumprir, na data de publicación desta orde, os requisitos que a continuación se indican:


-Curso de linguaxe xurídica de nivel medio: é indispensable ter aprobados ou validados os cursos de formación en lingua galega, niveis de iniciación e perfeccionamento; ter superado o curso de linguaxe xurídica, nivel básico; ou ter o curso Celga 4.


-Curso de linguaxe xurídica de nivel superior: é indispensable ter aprobado ou validado o curso de linguaxe xurídica, nivel medio.


3. Os cursos de linguaxe xurídica, niveis medio e superior, realizaranse, se é o caso, nas localidades que determine a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo as solicitudes presentadas e a súa distribución xeográfica.


No anexo desta orde deberase sinalar, por orde de prioridade, a localidade de preferencia para realizar estes cursos. No caso de que non se forme grupo na localidade elixida, adxudicarase a/as seguinte/s na orde de preferencia.


As localidades que se elixirán serán as seguintes: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.


Artigo 2º.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos a xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios xudiciais, médicos forenses, funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza e persoal laboral con destino nos órganos xudiciais da Comunidade Autónoma de Galicia; a letrados da Xunta de Galicia; a notarios, rexistradores da propiedade, avogados, procuradores e alumnos da Escola de Práctica Xurídica de Galicia; a profesores de linguaxe de signos e persoas incluídas nas bolsas de traballo para o nomeamento de funcionarios interinos da Administración de xustiza; así como tamén a aquelas persoas que acrediten ter superado o proceso selectivo para o ingreso nos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza.


O número mínimo de persoas para a realización dun curso será de 15. De non se acadar este número, os solicitantes integraranse no curso ou cursos que se realicen nas seguintes cidades elixidas por orde de preferencia.


Artigo 3º.-Solicitudes.

As solicitudes, para as cales se utilizará o modelo que figura como anexo a esta orde, presentaranse no rexistro xeral da Xunta de Galicia ou nos seus departamentos territoriais, ou tamén por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.


Sen prexuízo do disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto co formulario de solicitude achegarase fotocopia compulsada do certificado que acredite ter superado o curso exixido para acceder ao nivel que se solicita; e, de ser o caso, certificado de estar colexiado como avogado ou procurador ou de estar matriculado nunha escola de práctica xurídica. Para os intérpretes de linguaxe de signos exixirase unha certificación da Federación de Xordos que acredite a intervención habitual do solicitante como intérprete nos xulgados ou tribunais, nas notarías ou nos rexistros da propiedade ou mercantís.


Con respecto ás persoas incluídas nas bolsas de traballo para postos dos corpos de xestión, de tramitación procesual e de auxilio xudicial da Administración de xustiza que non estean actualmente a traballar como interinos, corresponderalle ao xefe/a do Servizo de Xustiza das correspondentes delegacións territoriais da Xunta de Galicia certificar que estan incluídas na bolsa correspondente.


A relación provisional de admitidos exporase ao público nas delegacións territoriais da Xunta de Galicia, así como a través da páxina web desta consellería http://cpapx.xunta.es/formacion. Contra esta relación poderase presentar reclamación ante a Dirección Xeral de Xustiza nun prazo de dez días. Transcorrido este prazo, faranse públicas as listas definitivas nas devanditas delegacións, con indicación do lugar, día e hora de comezo do curso.


Artigo 4º.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 8 de setembro de 2010.

Non se admitirá ningunha solicitude presentada fóra de prazo.

Artigo 5º.-Criterios de selección.

No caso de que o número de solicitudes exceda o de prazas, terán preferencia na selección os funcionarios sobre o resto dos destinatarios, os funcionarios titulares sobre os interinos e, dentro dos funcionarios, os de maior tempo de prestación de servizos respecto aos de menor antigüidade.


A selección realizarase a través das listaxes provisionais e definitivas de admitidos, que se aprobarán por resolución da Dirección Xeral de Xustiza.


Artigo 6º.-Contido.

1. Os cursos de linguaxe xurídica de nivel medio terán unha duración de 75 horas (60 horas teóricas e 15 prácticas). O contido do programa figura no anexo VI da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 1 de abril de 2005.


2. Os cursos de linguaxe xurídica de nivel superior terán unha duración de 75 horas (60 horas teóricas e 15 prácticas). O programa será o que figura no anexo VII da orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 1 de abril de 2005. Na fase práctica os seleccionados terán que realizar unha serie de traballos relacionados coa función que desempeñen na Administración de xustiza.



3. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia, sempre xustificada, de cada un dos asistentes non poderá ser superior ao 10% da duración total do curso.


4. Os cursos realizaranse en xornadas de tarde.

Artigo 7º.-Superación do curso.

1. Para ser declarado apto ao finalizar o curso, cada asistente deberá acreditar:


1.1 Que asistiu ás clases e non superou o mínimo de ausencias permitido.

1.2 Que realizou satisfactoriamente os traballos prácticos encomendados.

1.3 Que superou as probas que durante o curso, e ao finalizar este, o profesor ou profesores foran establecendo, de xeito que ao seu remate demostre que posúe un dominio teórico e práctico do idioma galego propio do nivel a que asistiu.


2. A avaliación será un proceso progresivo e continuo e terá en conta, entre outros elementos, o dominio da materia, o traballo diario na aula, os traballos teóricos e prácticos encomendados, e mais a asistencia.


Artigo 8º.-Comunicación dos lugares de celebración.

Os lugares de celebración dos cursos serán comunicados a través da páxina web sinalada no artigo 3º desta orde.


Artigo 9º.-Recursos.

Contra os actos administrativos que a Dirección Xeral de Xustiza dite en execución desta orde poderase interpoñer recurso de reposición ante a dita dirección xeral no prazo dun mes, de acordo co establecido no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.


Artigo 10º.-Financiamento.

O financiamento destes cursos será con cargo á partida orzamentaria 05.02.151A 640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010, ata un importe máximo de 32.775 €.


Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza para ditar as instrucións que conveñan ao desenvolvemento desta orde.


Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza