Documentación xurídica en galego


20 abr 2010




Edítase o primeiro manual con documentación xurídica en galego para facilitar o labor da Administración de xustiza nesta lingua


  • A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a EGAP presentaron hoxe a publicación, que tamén actualiza o anterior Manual básico de documentos administrativos
  • Ademais de impulsar a modernización da linguaxe administrativa e xurídica en galego, o manual constitúe un novo recurso para a formación en galego do funcionariado 



O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Pablo Figueroa, presentaron hoxe o Manual básico de documentación administrativa e xurídica, unha publicación que recolle por vez primeira modelos de documentación xurídica en galego para facilitar e promover o labor dos profesionais da Administración de Xustiza nesta lingua.

Esta nova publicación, que tamén inclúe unha versión actualizada do anterior Manual básico de documentos administrativos en galego, establece modelos que pretenden serviren de guía orientativa e clarificadora para o persoal da Administración.

O Manual básico de documentación administrativa e xurídica, elaborado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa EGAP, pretende, segundo destacou Anxo Lorenzo, “impulsar a modernización da lingua administrativa e xurídica galega, ao tempo que incide na creación de novos recursos técnicos en galego que garantan a máxima calidade do traballo da Administración”. Do mesmo xeito, engadiu o secretario xeral, “o manual constitúe unha nova ferramenta para favorecer a formación en galego do funcionariado da Administración autonómica e de xustiza”.

Colaboración para ampliar os espazos de uso do galego

O secretario xeral tamén destacou que a elaboración deste manual responde á permanente colaboración que manteñen Política Lingüística e a EGAP, no marco da que se organizaron en 2009 30 cursos de linguaxe administrativa galega e que este ano ascenderán a un total de 33.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén colaborando tamén con outras entidades para ampliar os espazos de uso do galego en ámbitos tan importantes como o da xustiza, como a Dirección Xeral de Xustiza, o Colexio de Avogados de Santiago, o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas ou a Fiscalía Xeral do Estado.

Catro grandes bloques de contidos

O manual –do que se editaron 3.000 exemplares e que está dispoñible en PDF– estrutúrase en catro grandes apartados de contidos. En primeiro lugar, recóllese unha guía rápida para a redacción administrativa e xurídica, concibida como unha lista de consellos para mellorar a redacción dos textos. O segundo e o terceiro apartado conteñen, respectivamente, modelos comentados de documentos administrativos e de documentos xurídicos. Finalmente, o bloque que pecha o libro é o da bibliografía seleccionada, unha oferta de obras impresas e dixitais de interese para ampliar a formación e recursos útiles para o asesoramento persoal.