Contra o límite do uso das linguas no Rexistro
Imperará a cooficialidade
Publicado en www.elcorreogallego.es
O pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) suprimiu onte do informe sobre o anteproxecto de lei do Rexistro Civil, elaborado pola comisión de Estudos do órgano de goberno dos xuíces, a suxestión de que se limite o uso das linguas cooficiais no citado Rexistro.
Así o acordou o pleno do CGPJ, segundo informou en roda de prensa a voceira deste órgano, Gabriela Bravo. Este informe foi aprobado por maioría na sesión plenaria con esta modificación, ó considerar que se a intención do lexislador é que impere a cooficialidade sen ningún tipo de limitación, dixo, "hai que respectalo".
O informe inicial alertaba dos inconvenientes que expón que o citado anteproxecto de lei permita as inscricións "en calquera das linguas oficiais do Estado" e pedía que o seu uso se circunscriba ás Comunidades Autónomas onde ese idioma teña oficialidade. Así se pronunciaba en relación ó artigo 37 do anteproxecto de lei, que establece que "os cidadáns que insten a inscrición dun feito ou acto no Rexistro Civil poderán solicitar que o mesmo se practique en calquera das linguas oficiais do Estado".
Ademais, o Consello Xeral do Poder Xudicial tamén acordou suprimir deste informe o apartado que suxería que non todas as competencias que actualmente desenvolven os xuíces encargados do Rexistro Civil pasasen a ser desempeñadas polos novos encargados dese servizo, que xa non serán maxistrados.