O galego na Xustiza


24 nov 2009


 

[ Publicado en www.xunta.es ]

 

Política Lingüística impulsa o galego no ámbito da xustiza con novas ferramentas para os profesionais do sector

 

rubon52-100x115 Así o anunciou Anxo Lorenzo na inauguración da III Xornada Xustiza e Lingua. Reflexións para a Normalización, que tivo lugar no Colexio de Avogados de Santiago de Compostela

O responsable do departamento anunciou a elaboración dun manual de documentación xurídica e a presentación do primeiro curso en liña de linguaxe xurídica, que vén complementar os cursos convencionais que a secretaría xeral xa ten en marcha

Santiago, 18 de novembro de 2009.- O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou hoxe en Santiago na inauguración da III Xornada Xustiza e Lingua. Reflexións para a Normalización, onde destacou o importante traballo que se está a facer desde o departamento que dirixe para dotar o ámbito da xustiza de novas ferramentas que faciliten a extensión do galego na actividade diaria deste sector. No acto, organizado polo Colexio de Avogados de Santiago coa colaboración de Política Lingüística, tamén participaron o director xeral de Xustiza, Juan José Martín; o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira; e mais o técnico do servizo lingüístico do dito colexio, Martín Ramos.

Na súa intervención, Anxo Lorenzo anunciou a elaboración, nos vindeiros meses, dun manual de documentación xurídica que complemente o actual manual de documentación administrativa, así como a “próxima presentación do que será o primeiro curso en liña de linguaxe xurídica”, que vén sumarse aos cursos presenciais que actualmente ten en marcha Política Lingüística. O secretario xeral tamén se referiu no acto inaugural das xornadas á actualidade da xurisprudencia, recordando a sentenza desta semana do Tribunal Supremo na que se “reitera que o modelo de conxunción de linguas que desenvolvemos en Galicia desde os anos oitenta non conculca ningún dereito individual”. Nesta liña, Anxo Lorenzo incidiu en que a sentenza segue recoñecendo a responsabilidade da Xunta de “establecer o uso das linguas oficiais no ensino, de acordo coas disposicións da Lei de Normalización Lingüística e en consonancia co Estatuto de Autonomía e mais coa Constitución”.

‘Reflexións para a normalización’

Xesús Palmou, ex conselleiro de Xustiza; Xoaquín Monteagudo, avogado e presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística; Ana López-Suevos, maxistrada do Xulgado de Instrución Número 1 de Santiago de Compostela; e Manuel González, catedrático de Filoloxía Galega da USC, foron os encargados de desenvolver os relatorios da xornada, que se basearon nos ámbitos institucional, da avogacía, da xudicatura e mais no lingüístico, centrado este último na terminoloxía xurídica.

O proceso de normalización do galego na xustiza, o seu marco xurídico, a incidencias das accións encamiñadas a asentar e potenciar a terminoloxía xurídica galega ou as experiencias positivas e novidosas que buscan favorecer a extensión desta lingua no exercicio xurídico foron os temas principais que se desenvolveron na III Xornada Xustiza e Lingua. Reflexións para a Normalización.

Colaboración cos axentes protagonistas do ámbito xudicial

Actualmente, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, xunto coa Revista Xurídica Galega, ten en marcha un dicionario xurídico para favorecer a extensión do galego nos documentos do ámbito administrativo, xurídico e notarial. Nesta mesma liña de actuación, a colaboración deste departamento coa Fiscalía do Estado tamén favorece o uso do galego nas súas comunicacións internas e externas en Galicia e mais o avance na formación dos seus profesionais. Finalmente, dentro do marco de colaboración transversal dos distintos departamentos do Goberno galego, o traballo coa Dirección Xeral de Xustiza tamén posibilita o desenvolvemento dun espazo de formación permanente e de difusión das ferramentas para o desenvolvemento das tarefas profesionais en lingua galega.