Cómpre adecuar a Xustiza en Galicia ao século XXI


22 abr 2009


Abr22
Artigo de Pablo Valeiras publicado en "El Foro Metropolitano"

 

 

Este servizo público nunca estivo entre as prioridades dos gobernantes

Imagen_dependencias_Juzgado_numero_Sanlucar_Mayor_Sevilla Levamos anos asistindo a unha burda utilización política da Xustiza na que os sucesivos gobernos, dun signo ou doutro, felicitáronse de xeito recorrente pola reforma e modernización da mesma, incluso antes da posta en marcha de calquera medida. Isto conduciunos a un escenario no que se ignorou a realidade: temos unha Xustiza lenta e cada día máis colapsada.

Recorrentes escándalos que saíron á luz pública, e sobre todo moitos outros que seguramente descoñecemos, poñen de manifesto que Comisións Obreiras estaba no certo nas súas reivindicacións nesta materia.

É lamentable que a Administración de Xustiza no estea entre as prioridades das Administracións central ou autonómica. Proba disto é o orzamento que se lle asigna, xa que España destina o 1,5% do produto interior bruto (PIB) a esta materia mentres que no resto de Europa, de media, o 3%. E dentro do propio estado español Galicia está á cola no gasto por habitantes (31 euros fronte aos 70 da media estatal).

Outro parámetro que evidencia o pouco investimento en Xustiza que se fai en Galicia é qe o número de órganos xudiciais que se crean no noso país representa o 6% de todo o estado. Ademais, os órganos de nova creación non contan con equipos adecuados, traballan con sistemas informáticos obsoletos (mesmo incompatibles cos doutras administracións) e temos unha das peores ratios de xuíz por habitante de toda Europa.

A pendencia, resolución e conxestión

Desde CCOO tamén temos criticado o problema da pendencia, que é o cociente entre os asuntos pendentes ao final dun ano e dos que durante ese período se resolveron. En Galicia, a xurisdición con maior pendencia foi a contencioso-administrativa, seguida da social e cada día máis da penal. En termos comparativos, temos unha pendencia superior á medida estatal na social e na penal, e menor ou similar nas outras dúas.

Violencia de xénero

A lei de protección de vítimas de violencia de xénero é unha lei moi defendida por CCOO e que pretende abordar unha forma global esta lacra social. Porén, cremos que a Xunta de Galicia non tomou todas as medidas que debía para a súa posta en funcionamento, tanto nos aspectos estritamente xudiciais como nas necesarias medidas de prevención (laborais, educativas, sociais, policiais …) Estas carencias convértena moito en propaganda. Lembremos tamén que agás en Vigo e na Coruña, que teñen xulgados exclusivos de violencia de xénero, no resto das localidades atribuíronselle as competencias a un xulgado de instrución. Nós defendemos a creación de xulgados exclusivos nas sete grandes cidades do país.

Temos que sinalar tamén que a inmensa maioría dos xulgados carecen dunhas instalacións axeitadas para a tramitación duns procedementos nos que o respecto á intimidade da vítima debe ser obxecto dunha especial protección, cando menos garantindo a separación física entre o agresor e a vítima. Isto, por desgraza, tampouco se cumpre.

Tamén, a pesar das especiais características do traballo que se desenvolve nos xulgados de violencia de xénero, a Xunta non proporcionou ningunha formación aos funcionarios que prestan os seus servizos nos devanditos xulgados. Non se trata soamente de tramitar uns procedementos, senón que deberían aprobarse uns protocolos relativos á forma en que han de ser atendidas as vítimas, a información que se lles debe facilitar e a forma de garantir o respecto á súa dignidade e a protección da súa intimidade.

A crise económica

Como non podía ser menos, a crise está provocando que a habitual situación de colapso da Administración de Xustiza se vexa, se é posible, acentuada.

Por unha parte os procedementos relacionados con hipotecas duplicáronse en 2008, circunstancia que se verá superada neste 2009 e no 2010, cando menos ao teor dos últimos informes e previsións económicas. O impacto da crise vémolo a diario nos xulgados do Mercantil, nos que os concursos de acredores aumentaron un 400% en 2008. Ademais, nos do Social, a xurisdición esquecida dende hai moitos anos, os procedementos de despedimento, rescisión de contrato e outros no paran de aumentar.

Todas estas deficiencias, sumadas aos escándalos que periodicamente podemos ler na prensa, fan moi necesario que as Administración se impliquen de verdade na gran tarefa pendente que é adecuar a Xustiza ao século XXI, para que dunha vez por todas poidamos abandonar a vella oficina decimonónica.