Rotundo fracaso de Galicia bilingüe


9 feb 2009


Feb09
Un artigo de Manuel Bragado

 

Publicado en http://bretemas.blogspot.com/

 

galicia_bilingue Reunir só dúas mil cincocentas persoas ou, segundo fontes policiais, sete mil (a pesar de traer autobuses de fóra de Galicia e contar co apoio mediático de Rosa Díez) é un fracaso rotundo da manifestación de Galicia Bilingüe. A «posición Corina», asumida pola dirección do Partido Popular de Galicia, levou a que despois de case dúas décadas de contención os conservadores galegos camiñasen en público da man de sectores fascistas e de ultradereita enarborando a bandeira española. Un erro clamoroso do PPG que, en plena campaña electoral, volve situarse nas posicións rancias da vella AP. U-lo centro político onde Alberto Núñez Feijoo quere recuperar a maioría? Mágoa que a dura actuación policial sobre os independentistas que defendían a lingua agache nos medios este enorme fracaso de Galicia Bilingüe. Como moi atinadamente valora o comunicado emitido hoxe pola Mesa pola Normalización Lingüística esta escasa afluencia á manifestación supón un «enorme batacazo» tanto para os convocantes como para o Partido Popular que co seu apoio visualiza a ruptura do consenso lingüístico. Un fracaso que pon ás claras, tamén, o desinterese da maioría abrumadora da cidadanía galega por estas posicións intolerantes contra a lingua galega cada vez máis identificadas cos prexuízos de clase de sectores da pequena burguesía urbana. A desfeita que supón esta semente de división social, inevitablemente, conleva de forma inmediata unha enorme dificultade para acadar consensos futuros e anuncia que os dous temas centrais da campaña electoral serán (quen o díría hai uns meses?) a crise económica e o futuro da lingua.