Cursos Celga


25 ene 2009


Xan25
O prazo de inscrición nos cursos preparatorios do Celga da primeira quenda do ano remata o vindeiro 30 de xaneiro

 

Fonte: www.xunta.es

 

celga_web

 

  • Os primeiros cursos comezarán o 9 de marzo en 20 localidades de toda Galicia
  • As actividades formativas desenvolveranse ao longo de todo o ano
  • A convocatoria tamén está dirixida a colectivos que desexen organizar os cursos e que o soliciten ata o 27 de febreiro

 

 

O vindeiro 30 de xaneiro remata o prazo de inscrición na primeira quenda de cursos preparatorios para a obtención do Certificado de Lingua Galega (Celga). Estes cursos realizaranse entre os meses de marzo e xuño en 20 localidades galegas. A programación directa deseñada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística prevé a realización de 50 cursos que comezarán o vindeiro 9 de marzo. Once deles son para a preparación do Celga 1, 13 para o Celga 2, tamén 13 para o Celga 3 e 11 para o Celga 4. Esta programación pódese consultar na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 2 de decembro de 2008.

Para as persoas que, estando interesadas en realizar algún destes cursos, non sexa posible facelos nas datas previstas nesta primeira quenda, existirá a posibilidade de inscribirse nalgún dos que se organizarán en meses posteriores. Así, para xullo e/ou agosto están programados outros 40 cursos, 8 deles para o Celga 1, outros tantos para Celga 2, 10 para Celga 3 e 14 para a preparación do Celga 4. Neste caso, o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 20 de xuño.

Haberá unha terceira quenda entre outubro e novembro. Ademais, a convocatoria tamén está dirixida a colectivos, entidades ou asociacións que desexen organizar os cursos e que conten cun mínimo de 25 persoas preinscritas. Neste caso, o prazo de solicitude estará aberto ata o 27 de febreiro.

O número máximo de asistentes a cada curso é de 30. Se quedasen prazas vacantes, poderán admitirse candidatos ata tres días antes do inicio do curso. A duración do curso será de 75 horas lectivas, distribuídas en sesións de dúas horas ou de dúas horas e media diarias, aínda que en casos excepcionais ou cando se trate de cursos intensivos poderá autorizarse a realización de sesións con outro horario.

Lugares de solicitude
As persoas e entidades que desexen formular solicitudes farano de acordo cos modelos de solicitude que figuran nos anexos da convocatoria publicada no DOG. Os documentos deberanse dirixir aos gabinetes provinciais de normalización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da provincia que corresponda. Presentaranse preferentemente no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou no da delegación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da provincia á que pertenza a localidade na que se queira realizar o curso. Así mesmo, as solicitudes poderanse entregar nas oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
A Secretaría Xeral destina unha partida de 812.500 euros a esta convocatoria, con cargo aos orzamentos de 2009.

Probas de acreditación
A Secretaría Xeral de Política Lingüística non expedirá ningún tipo de certificación ou diploma de asistencia aos cursos, porque para obter a acreditación do nivel Celga ao que se opte é necesario realizar as probas correspondentes, que se efectuarán en maio e novembro de 2009. A inscrición das probas rematará o 25 de marzo de 2009 para a convocatoria de maio e o 7 de outubro para a de novembro.

Os exames realizaranse, no caso da primeira convocatoria, os días 23, 24, 30 e 31 de maio de 2009. Para a segunda convocatoria, as datas de realización das probas serán o 21, 22, 28 e 29 de novembro de 2009, para os niveis Celga 4, 2, 3 e 1, respectivamente. No caso da convocatoria creada especificamente para América, os exames desenvolveranse os días 7 e 8 de outubro.