Novo Regulamento de Asistencia Xurídica Gratuíta


6 nov 2008


Nov06
Touriño anuncia que a Xunta vai ampliar as comisións de asistencia xurídica gratuita ás sete cidades de Galicia e crear unha quenda específica para atender mulleres maltratadas


Fonte: Xunta.es

  • O presidente da Xunta salienta que o novo regulamento da asistencia xurídica gratuita incorpora quendas específicas para a atención de mulleres maltratadas, menores e outros colectivos que requiren unha atención especializada, así como a formación específica e reciclaxe dos profesionais encargados destas tarefas
  • O decreto estipula a creación dunha quenda de garda durante as 24 horas do día para a atención de mulleres maltratadas
  • Aumenta o número de comisións de asistencia xurídica gratuíta de catro a sete, engadindo as de Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol ás actuais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou esta mañá que o novo regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia aprobado polo Consello vai permitir aumentar o número de comisións de asistencia ao conxunto das sete grandes cidades e crear unha quenda específica para atender a mulleres maltratadas, menores e outros colectivos que requiren dunha atención especializada.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da xunta, o máximo mandatario galego sinalou que o novo decreto pretende adaptar a normativa vixente, que ten unha antigüidade de 10 anos, ás novas demandas e os cambios producidos na sociedade así como ás novidades lexislativas que se teñen introducido neste ámbito.

Mellor distribución do traballo

Segundo explicou, con este decreto auméntase o número de comisións de asistencia xurídica gratuita ao conxunto das sete cidades de Galicia. “Pásase de catro a sete, incorporando xunto coa Coruña, Ourense, Lugo e Pontevedra comisións de asistencia a Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo. Este feito permitirá redistribuir e atender mellor a carga de traballo e mellorar a capacidade de resposta do sistema de asistencia gratuita”, explicou.

Outra das novidades que introduce o decreto, abundou, é a creación de quendas específicas para a asistencia xurídica de mulleres maltratadas, menores e outros colectivos que requiren dunha atención especializada. “Iso vai permitir, entre outras cousas, que exista unha quenda de garda durante as 24 horas do día en relación, por exemplo, cos temas de violencia de xénero”, salientou.

O presidente remarcou así mesmo a obrigatoriedade que establece o decreto da mellora da preparación e a cualificación profesional para atender esas quendas específicas, o que se fará a través de cursos de formación ofertados polos colexios de avogados e procuradores.

En terceiro lugar, Pérez Touriño subliñou que o decreto introduce a libre elección, por parte do beneficiario da asistencia gratuita, de avogado e procurador no ámbito fundamentalmente do dereito da familia, laboral e do contencioso-administrativo.

Finalmente, salientou a aposta do novo regulamento pola incorporación das novas tecnoloxías da información e da comunicación “para poder acadar o obxectivo de implantar a administración electrónica tamén nesta área do servizo de xustiza.”