Set16

Tras a denuncia do deputado do BNG Bieito Lobeira, en comisión parlamentaria, de que as ferramentas informáticas que utilizan os xulgados galegos -- os programas LIBRA e MINERVA -- "exclúen radicalmente" o galego "impedindo" o dereito lingüístico a usalo en sede xudicial; Roura achacou esta situación a "motivos estruturais" debido a que estas aplicacións proveñen do Goberno central.
Non obstante, indicou que o seu departamento desenvolve liñas de actuación para impulsar accións formativas en materia de lingua xurídica "na que cada día hai máis asistentes"; e para editar textos legais en galego, xa que "antes se facía de forma tardía e escasa", e aseveró que agora hai "unha inxente cantidade" de normas traducidas. Precisamente, avanzou que "en breve" se publicará neste idioma o Estatuto dos Traballadores, o Código penal e civil e a Lei de Axuizamento civil e criminal.
Desta medida, admitiu que "non é unha acción estrela", pero eloxiou o seu "tremendísima transcendencia" e comparouna co "orballo", no sentido de que "é fina, pero permite que pouco a pouco o galego penetre en usuarios que non tiñan o galego como a súa lingua vehicular" e que, por "problemas de incomodidade, diminúen a súa intención de iniciar un proceso" neste idioma. "A medio prazo, a mellora será evidente", garantiu o secretario xeral.
Ademais, a respecto de as ferramentas informáticas de xestión xudicial recordou que en outono de 2007, no rexistro civil de A Coruña, o único con carácter exclusivo, implantouse o INFOREG IV, que permite inscribirse en lingua galega. Ademais, informou de que nos 45 rexistros principais de Galicia, tamén está implantado, así como en 55 dos 270 secundarios. "O proceso está en marcha para completalo en todos os rexistros", aseverou Roura.
XUÍZOS RÁPIDOS
A pesar desta exposición, Lobeira concluíu que a situación xudicial en Galicia "conculca na práctica o dereito de utilizar a lingua galega" e preguntouse "filosoficamente" se "o galego é incompatible coa informática ou as novas tecnoloxías".
Así mesmo, resaltou que non se celebrou "nin un só" xuízo rápido nesta lingua, xa que os 50 documentos necesarios "non se "poden tramitar" en galego. En conxunto, denunciou que o 92 por cento das actuacións xudiciais "só" se poden resolver en castelán.
O secretario xeral adiantou a planificación que se vai desenvolver nos próximos meses, ata final de ano:
Na segunda quincena de setembro farase o traballo relativo aos xuízos de faltas no eido penal e aos procesos de despedimento no ámbito social.
Na primeira quincena de outubro farase o traballo para que sexa posible tramitar en lingua galega as dilixencias urxentes por delito no ámbito penal e os xuízos rápidos penais. Na segunda quincena estará rematado o traballo no resto dos procesos da orde social.
Na primeira quincena de novembro todos os procesos de contencioso administrativo tramitados polos xulgados desa orde xurisdicional poderán tramitarse en galego, e na segunda quincena poderanse tamén os procesos de familia do ámbito civil.
Por último, en decembro estarán feitos os traballos da segunda instancia civil e as dilixencias previas no eido da instrución penal.
Santiago Roura indicou que isto “supón un esforzo considerable de adaptación das ferramentas” pero que é necesario que as ferramentas tecnolóxicas “vaian da man do proceso de galeguización da xustiza”. “Nese labor vainos encontrar sempre, con todas as medidas que fixeren falta para facer que o libre dereito á escolla sexa unha realidade no país”, asegurou.
Fonte: Europa Press