O Ministerio de Xustiza incumpre a normativa sobre saúde laboral


2 jul 2008




Xul02


A inspección de traballo require o Ministerio de Xustiza co fin de que cumpra a normativa en materia de prevención de riscos laborais



Tras as numerosas denuncias presentadas polo Sector da Administración de Xustiza de CCOO ante a Autoridade Central da Inspección de Traballo e SS contra o Ministerio de Xustiza polos seus incumprimentos en materia de seguridade e saúde laboral, a Inspección dá a razón a CCOO e eleva proposta de requirimento contra o Ministerio de Xustiza no que constata os seus numerosos incumprimentos, pois non cumpre practicamente con ningunha das obrigas que impón a Lei de Prevención de Riscos Laborais, doce anos despois da súa entrada en vigor: inexistencia de organización preventiva, falta das avaliacións de risco e de planificación, incumprimentos en relación coa formación e a información en materia de prevención de riscos laborais, incumprimentos en relación coa vixilancia da saúde dos traballadores, e incumprimentos en relación cos dereitos dos representantes do persoal ao servizo da Administración de Xustiza.



O Ministerio de Xustiza leva anos incumprindo tanto a lei como os dereitos dos traballadores e os seus representantes, pois dende CCOO levamos anos reclamando que se convoque a Mesa de negociación específica para tratar os temas de saúde laboral sen que por parte do Ministerio se nos dera resposta ningunha, obviando que nun estado de dereito as leis tamén vinculan ás Administracións Públicas. Dende CCOO esperamos que o Ministro de Xustiza mostre máis respecto polas resolucións da Autoridade Laboral que o que ata agora mostrou pola saúde laboral dos traballadores da Administración de Xustiza.



Para descargar a nota informativa, preme aquí