Excedencia e dereito á reserva da praza


23 jun 2008


Xuñ23
Excedencias voluntarias e dereito á reserva da praza



CCOO de Xustiza pídelle a Dirección Xeral de Xustiza que se lle recoñeza aos funcionarios da administración de Xustiza o dereito á reserva da praza durante os dous primeiros anos nos casos das excedencias voluntarias para o coidado de fillos e para atender ao coidado dun familiar

Ao longo destes últimos anos por parte do Estado promulgáronse distintas leis co fin de alcanzar a igualdade efectiva entre mulleres e homes. Tal e como recolle o Art. 14 de Constitución Española "A igualdade e a non discriminación por razón de sexo".

Tanto o "Plan Concilia” como a Lei Orgánica 3/2007 do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, teñen dous principios en común "a transversalidade", e o mandato ás distintas Administracións, estatais, autonómicas e locais, co fin de que estas establezan os criterios necesarios para erradicar calquera tipo de discriminación.

Por outra parte, a Lei Orgánica 3/2007, modificou o artigo 358.2 da Lei orgánica do Poder Xudicial nos seguintes termos:

"2. Exceptúanse do previsto no apartado anterior as excedencias voluntarias para o coidado de fillos e para atender ao coidado dun familiar a que se refiren os apartados d) e e) do articulo 356, nas que o período de permanencia nas devanditas situacións será computable para os efectos de trienios e dereito pasivos. Durante os dous primeiros anos terase dereito á reserva da praza na que se exercesen as súas funcións e ao cómputo da antigüidade. Transcorrido este período, dita reserva serao a un posto na mesma provincia e de igual categoría, debendo solicitar, no mes anterior á finalización do período máximo de permanencia en esta, o reingreso ao servizo activo; de non o facer, será declarado na situación de excedencia voluntaria por interese particular".

Tamén se modificou a Lei 30/84 da Función Pública no mesmo sentido, recoñecéndolle aos funcionarios da Administración Xeral do Estado o dereito á reserva da praza durante os dous primeiros anos.

Evidentemente sería incomprensible pensar que unha Lei Orgánica que ten como fin erradicar a discriminación entre homes e mulleres, fose á súa vez a Lei encargada de discriminar as mulleres en función do seu posto de traballo, xa sexa por ser membro do Poder Xudicial ou funcionario da Administración do Estado.

É por iso que solicitamos que por esa Dirección Xeral se tomen as medidas necesarias, neste momento no que se están a negociar os permisos e licenzas dos funcionarios da administración de Xustiza en Galicia, para acabar coa discriminación que están a sufrir actualmente moitas compañeiras que, polo feito de non ser maxistradas ou funcionarias da Administración Central, non poden exercer un dereito recoñecido na Lei Orgánica 3/2007.


Para descargar o escrito, preme aquí