Mesa sectorial de Xustiza 9 de setembro


9 sept 2025





Na mesa sectorial de hoxe, o Director Xeral, máximo responsable da xustiza galega, nun exercicio de descaro e autobombo, comezou a sesión presumindo de ser vangarda no estado sendo os primeiros en aprobar as RPTs vinculadas aos Tribunais de Instancia. 

Esta manifestación inconsciente, pon en evidencia o descoñecemento do día  a día dos Xulgados, con múltiples problemas na implantación da Fase I, vacantes que non se cobren, sistemas informáticos inadaptados ou ordes arbitrarias dos Letrados contravindo o estipulado na lei. 

 

Xa no contido concreto a mesa pode resumirse nos seguintes puntos: 

 

  1. 1.- Publicación da Fase III das RPT: o xoves 12 de setembro publicarase no DOG a RPT das cidades. CCOO considera que o traballo é incompleto, pois non existe unha valoración real dos postos de traballo, non están determinadas as funcións de cada un, non están negociadas as bases do concurso específico nin se eliminaron as libres designacións, e tampouco son públicos os protocolos de actuación ditados polos LAX que asignan unilateralmente as tarefas de cada funcionario. 

 

  1. 2.- Anuncian que o mesmo venres publicarase a convocatoria dos postos de libre designación, algo que dende CCOO dende o primeiro momento rexeitamos, e consideramos que non compren os mínimos legais de igualdade mérito e capacidade. 

 

  1. 3.- Comunican que dende a Dirección Xeral van a establecer reunións coa secretaría de goberno e cos secretarios coordinadores co fin de analizar a implantación dos tribunais nas cidades, amosando a súa preocupación polo que vai acontecer o 2 de xaneiro. Dende CCOO consideramos importante a participación das organizacións sindicais nesas reunións, xa que todos os precedentes das estruturas construídas sen contar cos traballadores son un desastre total. 


  1. 4.- Comprométense a no terceiro trimestre de 2026 revisar as RPT e modificar o que sexa necesario, en función das porcentaxes de cargas de traballo, co fin de arranxar as posibles disfuncións entre servizos a prestar e persoal asignado, por exemplo entre o servizo de tramitación e o servizo de execución. Dende CCOO consideramos que esa solución xera máis incertezas que seguridades, que deberan desenvolverse as RPT nun proceso máis pausado e participado e que ese remedio aboca ineludiblemente a un proceso de reordenación forzosa masiva, o cal non podemos tolerar nin admitir. 

 

  1. 5.- O sistema informático Minerva, obsoleto, sen actualizacións á nova lei, ten que deixar paso a Atenea, que xa está implantado con bos resultados noutros territorios como Asturias ou La Rioja. Sen embargo, a liorta política entre Xunta e Ministerio impide a sinatura do convenio que o posibilite, mentres os funcionarios e funcionarias teñen que improvisar modelos en Minerva para ofrecer un bo servizo público por esta incapacidade manifesta dos políticos. Urximos dende CCOO á sinatura inmediata do convenio, a formación inmediata de todo o persoal e a que Amtega comece un despregamento inmediato do sistema en todos os xulgados galegos. 

 

  1. 6.- O 2 de xaneiro, co maior cambio da historia da Xustiza Pública, os espazos non van ser os mesmos. Os que tramitan estarán nun espazo, os que executan noutro e haberá espazos diferenciados. Porén, a administración o único que ten disposto para os cambios físicos é a licitación da cartelería, sen ter en conta ningún cambio de ubicación das mesas. Dende CCOO consideramos imprescindible unha planificación ordenada e negociada, que saiban os traballadores con antelación que vai supoñer ese drástico cambio, tanto nas funcións como na posible adaptación dos espazos físicos. A menos de catro meses non existe ningún tipo de previsión nin información. 

 

  1. 7.- Carreira profesional: CCOO demanda que se aplique xa o terceiro grado coas seguintes porcentaxes: 60% no 2025 con carácter retroactivo, 80% no 2026 e o 100% no 2027, co requisito único de acreditar 40 horas máis de formación, tal e como se ofreceu pola propia administración en febreiro de 2024. Instamos a non dilatar máis a publicación do acordo polo que sube o complemento específico. 

 

  1. 8.- Comunícanos que a traxectoria ordinaria, e dicir, permanentemente aberta e automática, no canto destes prazos de adxudicación extraordinarios, depende da publicación do Real Decreto que se vai negociar no Ministerio para todos os territorios. Dende CCOO reclamamos que en tanto non suceda se asine un acordo de prazos extraordinarios, un por anualidade, para facilitar o acceso a todo o persoal. 

 

  1. 9.- O resto da mesa foi “tirar balóns fóra”:  

 

  • - O teletraballo queda para 2026. 

 

  • - A nova orde de interinos nin está nin se lle espera. 

 

  • - Instamos a, como en Valencia, Andalucía ou Euskadi,negociar un Plan de igualdade, sen resposta. 

 

  • - Pedimos os protocolos de actuación das cidades, non dispoñen deles. 

 

  • - Os complementos de Violencia sobre a muller das vilas, queda adiada para 2026 a súa negociación. 

 

  1. 10.- Concursillo de traslado: todas as organizacións sindicais recalcamos que faltan moitas prazas. Alégase pola administración que o Ministerio esixiulles que so se ofertaran as vacantes xeradas ata decembro. Por unanimidade demandamos a inclusión de todas as prazas xeradas no 2025, o que incrementaría en 26 o número de prazas ofertadas. Non manexan prazos concretos nin para este concurso, nin  para a orde das seguintes adxudicacións: proceso de estabilización concurso de méritos, proceso de estabilización concurso oposición, promoción interna e por último turno libre. O retraso, neste caso por parte do ministerio, roza a irresponsabilidade punible e está a xerar graves prexuízos a todo o persoal afectado. 


  1. Por último, dende CCOO consideramos que a implantación dos Tribunais de Instancia non pode servir para “aforrar cartos” no nomeamento de persoal, moitas vacantes non se están a cubrir, nin por comisión de servizos, nin por sustitución, nin por nomeamento de interinos, sobrecargando de traballo aos órganos da fase 1, polo que demandamos a inmediata cobertura de todas as vacantes producidas en tanto non se resolva o concurso de traslado.