No día de onte
fomos convocados a una mesa informativa, que nin foi mesa nin foi informativa,
xa que máis alá dunha disertación do Director Xeral cunha declaración de intencións
de aplicar a nova Lei de Eficiencia, non se nos deu traslado de ningún tipo de
documentación, cronograma de mesas de traballo ou cantidades concretas que
deben acompañar á RPT para incrementar o complemento específico.
O que si é unha
realidade é que a DXX segue sen querer
aplicar a cláusula de revisión nos seus propios termos, os sindicatos que
asinamos o acordo de 2018 (SPJ-USO, UXT e CCOO) xa temos presentada a correspondente
reclamación previa, para a próxima interposición de reclamación xudicial polo
incumprimento da cláusula de revisión, e será o TSXG quen terá que resolver.
Recordar que a CLÁUSULA DE REVISIÓN garante que o CAT/CE de Galicia nunca pode
estar por debaixo da media nacional, ou sexa, da sexta posición en canto a
CAT/CE, e así foi aplicada en 2022. Na actualidade, a DXX négase á súa
aplicación alegando que a Traxectoria Profesional so a temos en Galicia, e
entendendo que polo tanto é un complemento autonómico, polo que di que estamos
nos primeiros postos de retribucións a nivel nacional, interpretación que
rexeitamos os sindicatos SPJ-USO, UXT e CCOO como asinantes do acordo, e que levaremos á vía xudicial na defensa dos
traballadores da Xustiza Galega.
1.- Aplicación da Lei de Eficiencia. O
Director Xeral de Xustiza recoñece que non
teñen avaliado o impacto económico da súa aplicación, en canto á retribución
dos postos singularizados, o custo da nova mediación ou da reforma da xustiza
gratuíta, así como o incremento de gasto necesario para a implantación dos
medios tecnolóxicos. Tampouco sabe ata que cantidade vai dispor dos orzamentos
da Xunta de Galicia. Por iso dende CCOO consideramos esta mesa como un fogo de
artificio sen ningún tipo de contido, canto todas as Comunidades Autónomas
teñen xa pactado o incremento do seu complemento aquí estamos a velas vir, sen as
ferramentas necesarias para unha negociación rigorosa, sen valoración de postos
das RPTs nin número de funcionarios previsto para cada servizo.
O primeiro chanzo
será a aplicación nas Oficinas de xustiza municipal, que deben estar
desenvoltas no prazo de tres meses. Antes do verán e logo da resolución do
actual concurso de traslado, acometerase a Fase 1, en todas as vilas. Nas sete
grandes cidades será a última fase, a Fase 3.
Non hai regulamento
ditado polo Ministerio de Xustiza, e polo tanto non hai folla de ruta concreta,
aínda que por parte da administración xa se deslizou a idea de asignacións
forzosas, cuestión que CCOO rexeita de plano.
O día 3 e 4 de abril está prevista unha Conferencia sectorial de Xustiza entre
o Ministerio e as Comunidades Autónomas para desenvolver o proceso, tarde
segundo os prazos previstos e con perda de autonomía na toma de decisións por
parte da Xunta de Galicia que ten os medios transferidos.
2.- Comisión de servizos e substitucións.
As sentenzas que priorizan as substitucións sobre as comisións de servizos
requiren dunha nova negociación para paliar o impacto dun sistema que estaba a
funcionar ben e era do agrado da maioría do cadro de persoal.
3.- Novo
sistema informático: Minerva dará paso a Atenea ao longo deste 2025, para CCOO o cambio, unido a aplicación da
Lei é brutal e corre o risco de ser caótico se non nos adiantamos ás
circunstancias, con cursos de formación ben elaborados, presenciais nas
oficinas xudiciais e ofrecidos a todo o persoal.
4.- Obras e melloras nas infraestruturas
xudiciais: polo Director se fai un extenso percorrido por todos os
investimentos en desfibriladores e arcos de seguridade. Dende CCOO
insistimos en que, sendo necesarios estes investimentos, é prioritario resolver todas as deficiencias detectadas nas visitas feitas
polo servizo de prevención, sobre todo no tocante aos arquivos xudiciais, nunha
administración electrónica non é de recibo acumular expedientes en dependencias
insalubres e de imposible acceso físico.
5.- Prazas de nova creación: disponse de
crédito para crear 22 novas prazas, abrindo un prazo ás organizacións sindicais
para propor suxestións, sendo prioritario para CCOO reforzar os sistemas de
videoconferencia, os Rexistros Civís e os Xulgados de 1ª Instancia
6.- Teletraballo ou a historia de como
esnaquizar algo que funcionaba ben. Logo da pusilánime actitude da Xunta de
pregarse á eliminación do teletraballo, pese ao forte investimento en medios
dixitais e a súa defensa a ultranza, agora queren entrar nun sistema unitario
para todo o Estado. Dende CCOO instamos
a recuperar o que xa había, que melloraba a conciliación, a calidade do
traballo e non ocasionaba prexuízos á Administración de Xustiza.
7.- Traxectoria profesional: estase a traballar
no terceiro grado, ademais dunha nova convocatoria do primeiro e segundo para
quen cumpra os requisitos, á espera da negociación dos funcionarios da Administración
xeral da Xunta de Galicia, se ben está garantido o seu pagamento con efectos
retroactivos dende xaneiro de 2025