No día de onte tivo lugar na EGAP mesa sectorial entre a Dirección Xeral de Xustiza e CCOO e o resto de organizacións sindicais.
Déusenos traslado de dúas propostas de resolución importantes para os nosos dereitos laborais, necesarias dun traslado ao conxunto dos traballadores á hora de tomar unha posición de cara a unha negociación que supoña un avance no recoñecemento dos nosos dereitos, que comezarán a tratarse nas próximas semanas.
A primeira delas é a unha nova regulación de permisos, vacacións e licencias, á que presentaremos alegacións para equilibrala coa lexislación estatal e todo o modelo de novos permisos parentais, incluído o permiso retribuido de oito semanas por fillos e fillas menores de oito anos.
A segunda é relativa á orde de selección e nomeamento de interinos, na que a Dirección Xeral de Xustiza propón un cambio de modelo totalmente distinto, similar á Xunta ou Sergas, con listas totalmente abertas que pode supor un menoscabo para as persoas con dereitos e perspectivas laborais adquiridas xa que pode implicar longos períodos sen traballar, CCOO entende que debe camiñarse cara a un modelo híbrido, respectando o modelo actual pero cun número moito máis amplo de integrantes por provincia nas bolsas e cunha nova regulación que impida a lasitude na suspensión para evitar o esgotamento das bolsas, de forma que persoas con exames aprobados podan ir incorporándose sen que iso implique que as máis antigas perdan a súa puntuación, experiencia e formación.
Outros asuntos tratados foron:
- Deuse traslado da reunión da Comisión mixta no TSXG que propón a creación dos seguintes órganos: Xulgado VSM en Santiago, un Instancia en Ourense, un Maxistrado na Sección 4 Civil da AP da Coruña, un Mixto en Viveiro, unha sección penal para a AP de Pontevedra, un Mixto en Vilagarcía, un Contencioso en Santiago, un Instancia en Vigo, un Maxistrado para a sala social do TSXG, un Instancia en Pontevedra, Mixto en Ribeira, Mixto en Carballo, Instancia na Coruña, Penal en Ourense e un Social en Ferrol. Desta proposta dáse traslado a administración central que é de prever que escolla unicamente tres dos novos órganos.
- Prevese que os aprobados de xestión tomen posesión logo do verán, ao non haber prazas suficientes 18 deles serán adscritos provisionalmente, 6 a prazas afectadas por interinos. CCOO esixe unha toma en consideración e negociación sobre esta medida que afecta tanto aos de novo ingreso como os máis antigos con expectativas en futuros concursos de traslado.
- Continúa o reparto de portátiles, desenvolvéndose agora no Imelga e na Estrada.
- Estase a desenvolver a migración das bases de datos dos Xulgados ás Audiencia, para evitar o dobre traballo de “picar datos” unha vez que os asuntos chegan ás audiencias.
Para CCOO é fundamental que dous asuntos vitais para o noso futuro inmediato sexan obxecto de negociación e que non figuraron na orde do día: o desenvolvemento dunha RPT que estruture os cadros de persoal e o incremento do complemento específico que dignifique o noso traballo.