CCOO reclama reforzos permanentes nos Xulgados de Violencia


27 oct 2021




Logo de que CCOO tivera denunciado de forma reiterada ante a Dirección Xeral de Xustiza a situación límite que se estaba a vivir na xurisdición de violencia, o Tribunal Superior de Xustiza vén de darnos a razón, advertindo do risco de colapso dos Xulgados desta materia en todas as cidades galegas.

Non se pode alegar descoñecemento do problema, cando xuíces e fiscais, letrados da administración de xustiza, organizacións sindicais, avogados, procuradores e, en definitiva todos os operadores xurídicos, levan alertando tempo desta problemática con risco de cronificarse e facerse estrutural.

CCOO non pode deixar de denunciar que nunha materia tan sensible e que merece a atención prioritaria non se poden escatimar medios persoais e materias, cando está en xogo a construción dun escudo institucional contra a violencia machista, lacra que día a día fai estremecer os vimbios dunha sociedade que se di moderna e democrática e que, dado un caso, debera establecer os mecanismos áxiles e eficaces que permitan a protección inmediata e o peso da lei sobre os culpables.

CCOO quere ligar este necesario reforzo á xa demandada creación das gardas de 24 horas nos xulgados de instrución de A Coruña e Vigo, especialmente azotados polo colapso, como en todas as cidades de similar poboación do Estado, imprescindible para que os xulgados de garda tramiten de forma eficaz as denuncias nesta materia mentres están de garda e antes do paso ao xulgado especializado na materia.

CCOO reclama o reforzo en xuíces, persoal funcionario e prolongacións de xornada, medidas que deben ser permanentes para estes xulgados, e que a Xunta de Galicia non mire para otro lado na xudicialización e protección necesaria para as mulleres agredidas pola violencia machista ou os nenos e nenas vítimas da violencia vicaria, creando onde non existen, como Santiago ou Ferrol, xulgados específicos e dotando do cadro de persoal necesario e negociado coas OOSS o resto de xulgados.