CCOO reclama reforzos para a xurisdición social no TSX de Galicia


25 oct 2021



 


Vimos de presentar escrito ante a Dirección Xeral de Xustiza co fin de evitar sobrecargas de traballo e dilacións inasumibles para o cidadán nun ámbito tan sensible como a xursdición social. Confiamos nunha pronta resolución do problema

O Sector de Xustiza da FSC CCOO, expón que:


1.- A xurisdición social ocúpase de asuntos dos que dependen a viabilidade social das persoas, co que merece unha especial protección e dotación de medios.


2.- Son coñecidos os atrasos inasumibles nos sinalamentos de xuízos e a pendencia existente neste ámbito, que afecta a despedimentos, pensións por incapacidade e materias que implican obter un medio de vida e deixan nunha situación de transitoriedade e inquedanza ao xusticiable.


3.- No Tribunal Superior de Xustiza, na sección 1ª da Sala do Social, co gallo de mellorar o servizo, acordouse o nomeamento polo CXPX de dous Maxistrados de reforzo, co fin de que as sentenzas sexan ditadas de forma áxil i efectiva, de forma que o dereito á tutela xudicial efectiva quede protexido.


4.- Porén, se normalmente a tramitación áxil produce un efecto embudo pola demora no ditado de resolucións, neste caso estase a producir o efecto contrario, toda vez que non vén acompañado pola debida incorporación de reforzos no cadro de persoal, o que produce unha sobrecarga que non alivia o problema que se pretende solucionar.


5.- Consta solicitado reforzo de persoal, pola Letrada da Administración de Xustiza, o día 31 de agosto e o día 21 de outubro.


6.- A devandita sala ten unha pendencia de 2900 asuntos e unicamente 4 tramitadores procesuais para pasar sentenzas, en contraste coa sección 2ª e 3ª, que constan con seis e catro respectivamente, fronte aos sete maxistrados que ditan sentenzas.


Á vista do exposto, solicita:


Que por esa Dirección Xeral de Xustiza se proceda ao nomeamento inmediato de dous tramitadores procesuais de reforzo co fin de ofrecer un mellor servizo público e coordinarse coas medidas adoptadas polo CXPX para unha maior axilidade e unha carga de traballo razoable.


A Coruña, 22 de outubro de 2021