Mesa sectorial de Xustiza 8/06/2021 : orde de interinos e outros asuntos.


8 jun 2021






No día de hoxe tivo lugar mesa sectorial entre organizacións sindicais e Xunta de Galicia, tratando case exclusivamente sobre as modificacións necesarias na orde de interinos para dar maior dotación ás bolsas de traballo, paliar as múltiples vacantes que asolagan os xulgados e evitar os chamamentos a través do SPEG, regularizando a situación precaria na que vivimos a día de hoxe, que lastra a actividade xudicial e xera desemprego e sobrecargas de traballo inexplicables.


Como resumo, recollendo parte das reivindicacións sindicais, a nova orde:


- Terá bolsa de traballo e de reserva, co número de integrantes que se acorde en Comisión Paritaria de interinos, en función das necesidades reais de cada corpo e provincia.


- Haberá unha lista baremada co resto de solicitantes, o que antes se denominaba reserva da reserva, quedando por dilucidar en que posición e bolsa se integrarían as persoas que teñan chamamento desta lista, que será publicada para coñecer os seus integrantes coa súa orde.


- Elimínase todo requisito de acceso, agás a titulación, contando agora como mérito a experiencia e os exames aprobados, ademais dos anteriores, como os títulos, os cursos de galego (que suben en puntuación), experiencia noutros corpos diferentes aos da bolsa, etc. 



Queda por clarexar se, como solicita CCOO, tamén se elimina como requisito e pasa a computar como mérito para Xestión e Tramitación, o coñecemento dun procesador de textos e se, contra o criterio de CCOO, vaise penalizar ás persoas que no momento do chamamento están en situación de Incapacidade Temporal: pola fraude duns poucos non pode pagar todo o colectivo.



Na vindeira semana volveremos ser convocados cun borrador esperemos que definitivo. Dende CCOO pedimos a maior celeridade posible na tramitación, tendo en conta que na anterior orde de interinos de 2018, transcorreu ano e medio dende a súa aprobación e a publicación da listaxe definitiva de admitidos en cada bolsa, tempo inasumible na situación actual e que conduciría ao colapso dos xulgados, a unha incerteza xurídica perigosa, e a frustración das expectativas laborais de centos de persoas, e esa axilidade só pode lograrse coa dotación de medios persoais e materiais suficientes na baremación das instancias presentadas.


En rogos e preguntas, na breve marxe de tempo da que se dispuxo para este punto, instamos a unha convocatoria de mesa sectorial para tratar os seguintes temas:


- Traslado das vacantes existentes a ofertar no vindeiro Concurso de traslado.


- Avance nas negociacións paralizadas do réxime de Substitucións e Comisións de Servizo.


- Negociación dunha regulación actualizada de teletraballo.


- Concordamos no reivindicado por todas as organizacións sindicais: a implantación nas cidades de Vigo e A Coruña dos xulgados de garda de 24 horas, logo do informe favorable do Consello Xeral do Poder Xudicial.