CCOO Xustiza demanda de Xunta e Ministerio a inmediata posta en marcha dos Xulgados de garda de 24 horas na Coruña e Vigo.


12 abr 2021


 






Coñecida a luz verde por parte do Consello Xeral do Poder Xudicial, non caben máis excusas e non se poden antepoñer intereses económicos aos de servizo público.


A Coruña, 9 de abril de 2021


Logo dunha gran presión e mobilización sostida no tempo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia asumiu por fin como propia a implantación do Xulgado de Garda de 24 horas nas cidades da Coruña e Vigo. Seguindo as canles oficiais, o TSXG deu traslado ao Consello Xeral do Poder Xudicial para a súa aprobación. Onte celebramos este importante paso, coa concesión da súa creación por parte do CXPX, pero pouco durou a alegría, xa que as Administracións, Xunta e Estado, antepoñen  o interese económico á prestación dun servizo público esencial como é a Xustiza.


Constatamos con perplexidade como as indicacións do órgano de goberno dos xuíces caen en saco roto e tanto o Ministerio de Xustiza como a Dirección Xeral néganse a aplicar este acordo, non só prexudicando a letrados/as, e empeorando as cargas de traballo do persoal público e os xulgados preexistentes, se non, sobre todo, ao/á xusticiable, a quen acude aos tribunais na procura dunha solución a un conflito e vese nunha situación totalmente discriminatoria respecto ao resto de grandes núcleos de poboación.


Cómpre salientar que Vigo e A Coruña son as únicas cidades do Estado con oito ou máis xulgados sen esta dotación, mantendo as gardas semanais (a última en incorporarse foi Córdoba en 2019), o que impide unha xustiza eficaz e áxil, sobre todo en casos cos que debéramos todos e todas, sociedade e administración, estar especialmente sensibilizados como é a loita contra a violencia machista.


Cando acadáramos ser todos/as unha soa voz, xudicatura, letrados/as e persoal público... todos os operadores xurídicos, en definitiva, os/as que gobernan parecen máis interesados/as en aplicar os nosos recursos a outro destino que unha xustiza que non debe vender no electoralista, pero que é imprescindible para o avance social.


Dende CCOO consideramos imprescindible unha rectificación pública inmediata do Ministerio de Xustiza e da Xunta de Galicia, que se convoque de inmediato a mesa de negociación para tratar este asunto nos ámbitos autonómicos e estatal, que se fagan as modificacións orzamentarias oportunas para a posta en marcha efectiva dos Xulgados de Garda da Coruña e Vigo e que non se menosprece á sociedade, tanto a operadores xurídicos que teñen que soportar elevadas cargas de traballo, como a quen confía na Xustiza para a resolución pacífica e imparcial dos conflitos dunha forma eficaz e áxil como un servizo público equiparable á Sanidade e a Educación.