CCOO reclama ao Sergas igualdade de condicións para mutualistas no proceso de vacinación


23 abr 2021



 



  • Retrasos indebidos e inxustificados afectan a centos de persoas que non saben cando van ser vacinadas.



Ante a comunicación e alarma suscitada por moitas persoas xubiladas do corpo de funcionarios de xustiza, que vén como coetáneos están a ser vacinados, mentres non reciben ningunha chamada ou indicación de cando lles vai corresponder, CCOO reclama igualdade real para as persoas adscritas á Seguridade Social e as que provimos da Mutualidade Xeral Xudicial, extensivo a MUFACE e ISFAS.


A adscrición a unha mutua cabe lembrar que non é unha opción nin é unha asistencia privada, e moito menos un privilexio, se non, contra o que moitas veces se pensa na sociedade, é un réxime obrigatorio no que se atopan os funcionarios e funcionarias civís do Estado, regulado por lei, cos mesmos dereitos e obrigas con independencia do réxime ao que se pertenza.


Nunha pandemia que xerou unha alarma social e crise económica sen precedentes, demandouse da cidadanía un exercicio de responsabilidade que se acatou de forma exemplar. Agora, no que parece a recta final desta crise sanitaria, esa responsabilidade parece non ser exercida pola Administración sanitaria galega.


Cando a práctica totalidade da poboación maior de 80 anos está vacinada, están en proceso os rangos de idade entre 70 e 79 e 60 a 65, o Sergas non pode dilatar máis o proceso de vacinación das persoas adscritas ás mutualidades, debe dar certezas e, nun tema de tanta gravidade, non pode crear cidadanía de primeira e de segunda categoría, polo que demandamos transparencia, igualdade de condicións e axilidade no proceso de vacinación, cunha explicación inmediata e concreción de datas para persoas cos mesmos dereitos e deberes.