Aclaración da Dirección Xeral de xustiza en relación á aplicación das substitucións trala Resolución 02/06/2020


28 jun 2020










Unha vez publicada a resolución do 2 de xuño de 2020 que modifica a Resolución do 7 de maio de 2008 pola que se regulan as substitucións, tense formuladas diversas consultas en relación á súa aplicación, que se proceden a aclarar a continuación.

1. Caso de persoa que estando desempeñando unha substitución na data de publicación  da resolución (11/06/2020),  posteriormente, e de forma voluntaria, renuncia á mesma sen que teña transcorrido un período mínimo de 6 meses de desempeño.
Neste caso, aplicarase a penalización dun ano para poder acceder a unha nova substitución.

2. Caso da persoa que estando desempeñando unha substitución cesa nesta pola finalización da causa que a motivou (cobertura definitiva do posto por concurso, reincorporación do/a titular do posto..)  antes de perfeccionar seis meses de desempeño na substitución. Posibilidade de acceder a outra substitución dende o seu posto de destino, ao que se reincorporou ao rematar a substitución,  antes de que transcorran 6 meses dende a dita reincorporación.
A condición de un tempo mínimo de desempeño nos postos, tanto os obtidos con carácter definitivo como provisional, non ten excepcións. Outra cuestión é a previsión do artigo sétimo da resolución que outorga unha preferencia en futuras substitucións a aquela persoa que, desempeñando unha substitución, cesara nela antes de acadar 6 meses, salvo que o cesamento fose por renuncia. A preferencia mantense vixente, pero para aquelas substitucións que a persoa interesada solicite unha vez perfeccione 6 meses no destino dende o que participa.

3. Posible excepción da aplicación do período mínimo de 6 meses de desempeño cando a substitución que se solicita sexa no mesmo órgano onde a persoa interesada ten o seu destino definitivo.
A norma non fai excepción algunha e o período de 6 meses de desempeño é requisito indispensable para todas as persoas solicitantes dunha substitución.