CCOO presentou un escrito, o pasado día 13 de novembro, no rexistro xeral da Xunta de Galicia para denunciar a situación de colapso que teñen actualmente os xulgados de violencia de xénero ante o aumento da carga de traballo dende a entrada en vigor o pasado día 1 de outubro de 2015, da Lei Orgánica 7/2015 do 21 de xullo, que modifica a Lei Orgánica 6/1985 do 1 de xullo do Poder Xudicial.
Coa nova Lei, amplíase, por unha banda, a competencia do xuíz de violencia sobre a muller ( delitos contra a intimidade, dereito á propia imaxe, a honra da muller, revelación de segredos, inxurias, e así mesmo do delito de quebrantamento do art. 468 do Código Penal no ámbito de violencia sobre a muller), e doutra banda, engádese unha nova función para os funcionarios do corpo de xestión e do corpo de tramitación (" realizar cantas funcións poidan asumir en orde á protección e apoio ás vítimas, así como de apoio a actuacións de xustiza restaurativa e de solución extraprocesal").
Os xulgados de violencia de xénero, tanto os exclusivos da Coruña e Vigo, así como os que teñen funcións compartidas, soportan dende dita data unha carga de traballo extra como consecuencia da referida modificación da LOPJ o que fai que por moi boa vontade que poñan os traballadores, faise imprescindible, para manter os resultados actuais dos mesmos, poñer solucións inmediatas as condicións de traballo destes xulgados, establecendo un complemento específico que retribúa a especial penosidade a que se ven sometidos diariamente, o aumento das prolongacións de xornada, compensacións de horarios excesivos con días de descanso e incremento de plantilla cando sexa necesario pola carga de traballo.
Por todo isto, CCOO solicita a convocatoria dunha mesa sectorial co fin de poñer solución á situación na que se atopan estes xulgados mediante a retribución dun complemento real e mentras non se negocie este complemento, CCOO pide que se aumenten as prolongacións de xornadas existentes nestes órganos para facer fronte ao aumento da carga de traballo e as especiais e penosas circunstancias nas que desenrolan o seu traballo os compañeiros e compañeiras destinados nestes xulgados, tanto nos exclusivos da Coruña e Vigo, como en todos aqueles que teñen funcións compartidas.
Para ver o escrito presentado no rexistro preme aquí.