Mesa sectorial: nada por aquí, nada por alá.


17 abr 2015


















No día de hoxe tivo lugar unha teatralización chamada mesa sectorial, co fin de dar cumprimento ao trámite legal de “oídas as organizacións sindicais”, imprescindible para que a asesoría xurídica da Xunta dea o visto bo a unha RPT, neste caso do Imelga.

CCOO considera toda elaboración dunha Relación de Postos de Traballo un avance, de cara a construción dunha Nova Oficina Xudicial, pero cre inútil o tempo perdido xa que non vén acompasada da necesaria implantación de medios electrónicos, da dotación de persoal suficiente, nin dunha retribución adecuada ás funcións desempeñadas, incremento salarial que a lei permite a través da RPT, pero que o austericidio de Feijoo aborta para pagar os cartelóns electorais. Achegamos cadro da RPT do Imelga, que pretende estar publicado no prazo dun mes.
Na posterior rolda de intervencións CCOO esixiu:

       O inmediato abono a todos e todas da paga extra substraída indebidamente en decembro de 2012, e o cese do malgasto de cartos públicos na xudicialización da súa devolución. O Director Xeral manifestou que “era unha decisión de goberno” optar pola xudicialización (sic)

       Unha nova regulación da orde de substitucións, que permita o pago íntegro das mesmas, como acontece no resto do Estado, e unha adecuada regulación do sistema de quendas, que paralice as atribucións de funcións entre o corpo de auxilio xudicial, e que, en tanto isto nos suceda sexan retribuídas como quendas e se reforcen con funcionarios de auxilio os servizos de apoio de Ferrol e Santiago

      Unha defensa firme contra a privatización do Rexistro Civil dende Galicia, que pasará de 315 a 5 Rexistros Civís. O director xeral manifestou que sostén unha posición neutra, como a lexía, e que a Xunta deberá seguir facéndose cargo dos libros en tanto non se dixitalicen ao completo, polo que terán que ter persoal de xustiza os Rexistros Civís

     A reactivación da creación de órganos xudiciais, para subsanar o colapso da maior parte de xurisdicións, especialmente familia, instancia e social

     Insistimos na publicación no concurso de traslado de TODAS as prazas de reforzo das fiscalías

     Solicitamos que se resolva o tamén xudicializado conflito co profesorado de galego, para volver ofertar os cursos de linguaxe xurídica que permitan o regreso de funcionarios imposiblitados de conciliar a vida profesional e familiar

    A mellora da seguridade (paupérrima) nos edificios xudiciais, e a instalación dun timbre de alarma nos Servizos de atención ao cidadán

    A depuración de responsabilidades pola nefasta construción do novo edificio xudicial de Ourense, cun investimento de nada menos que 18 millóns de euros

CCOO está convencida de que todas e cada unha das peticións serán atendidas en breve prazo, dada a eficiencia e vontade de diálogo da Dirección Xeral, e moito antes se algún sindicato sen representación envía un contundente escrito á mesma para a axilización destas reivindicacións.

CCOO si considera por amortizada esta Dirección Xeral, que pervive a golpe de titular de prensa, pero desatendeu nas súas retribucións e dereitos ao persoal que dela depende, menospreciando o diálogo social e trazando un camiño mediático de modernización que non se corresponde coa realidade que vivimos día a día nos Xulgados.


Galicia, 17 de abril de 2015