Cursos de linguaxe administrativa e Celga


29 ago 2014


No DOG do 27 de agosto, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega gratuítos, que se realizarán nas escolas oficiais de idiomas entre setembro de 2012 e febreiro de 2013.

Por unha banda, trátase de cursos de linguaxe administrativa de niveis medio e superior. Estes cursos de linguaxe especializada van dirixidos ao persoal das diferentes administracións públicas de Galicia, agás persoal docente da Consellería de Educación e persoal sanitario. No caso de que non se cubran todas as prazas con este perfil profesional, admitiranse persoas que que non sexan traballadores da Administración pública.

Lembrarvos que os  cursos de linguaxe administrativa son convalidables cos Cursos  de linguaxe xurídica, en virtude do artigo 5 da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de 13 de xuño de 2011 pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas.

A outra modalidade de cursos ofertados son os preparatorios para obter os certificados de lingua galega (Celga). Estes cursos poden ser solicitados por calquera persoa maior de 16 anos ou que acade esta idade durante o 2014.

Prazo para as solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá desde o 28 de agosto  ata o 12 de setembro de 2014, para os cursos do primeiro cuadrimestre; e desde o 15 de decembro de 2014 ata o 16 de xaneiro de 2015, para os cursos do segundo cuadrimestre.

Máis información na convocatoria completa.