Instrución control horario


7 mar 2014



Onte publicóuse na intranet xudicial, a Resolución do 12 de febreiro de 2014 pola que se ditan instrucións relativas ao uso da tarxeta de identificación persoal, ao control do cumprimento da xornada e horarios de traballo e máis a tramitación das solicitudes de vacacións, permisos e licenzas para o persoal ao Servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Esta resolución entra en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación nesta intranet xudicial (07.03.2014), agás as previsións relativas á sinatura electrónica da tramitación das incidencias, que entrarán en vigor o día 15.04.2014, data na que estarán listas as modificacións da aplicación informática para a súa xestión. A partir desta última data non se poderán enviar as incidencias nin solicitar os permisos por fax, terá que facerse a través do OPAX e con certificado dixital.

Unha vez máis e como vén sendo habitual a Dirección Xeral de Xustiza fai recortes, esta vez na bolsa de horas xa que o horario máximo que se pode acumular á mesma é de vinte e dúas horas e media anuais que se poderán compensar cun día libre por cada sete horas e media acumuladas (máximo tres días ao ano) ou ben solicitando redución do horario flexible mensual sempre ata o total da bolsa de horas. Continuaremos presionando e esixindo para volver a situación anterior e eliminar o límite de horas, non se xustifica este recorte xeneralizado baixo a escusa do incumprimento duns poucos.

Recordarvos que na Semana Grande poderanse acumular horas á bolsa.