CCOO demanda da Dirección Xeral de Xustiza a convocatoria inmediata de mesa sectorial


19 mar 2014




O Sector de Xustiza de CCOO remitiu escrito á Dirección Xeral de Xustiza para a convocatoria urxente dunha mesa sectorial. A costume de aplicar o rodillo ditatorial, con nulo respecto á negociación colectiva, que representa á transmisión aos traballadores a través das organizacións sindicais das medidas consensuadas a aplicar no noso eido, estase a converter en tradición para Juan José Martín, Director Xeral de Xustiza. 

A aplicación de recortes pola vía dos feitos consumados, como a limitación da bolsa de horas, a inclusión de novas prazas na listaxe de amortizables que anula de facto o concurso de traslado e requiren dunha explicación e revisión inmediatas, a negativa a negociar as substitucións baixo o principio básico de “igual traballo, igual remuneración”, o expurgo unilateral e atribuído tamén por decreto aos funcionarios que leva a cabo a administración, ou a insinuación de que este ano implantarase a Nova Oficina Xudicial, sen participación sindical e coa probabilidade de novos intentos de amortización, amosan unha actitude de desidia e desconsideración polos traballadores da xustiza, aos que se lles atribúe unha presunción de culpabilidade que non merecen, sendo grazas a eles que a Xustiza non colapsa por falta de medios. 

En consecuencia, dende o Sector de Xustiza solicitamos: 

1.- A convocatoria inmediata de mesa sectorial para tratar os temas expostos 

2.- O cese das decisións unilaterais, propias de actitudes antidemocráticas 

3.- Unha actitude negociadora real, cun calendario preestablecido de mesas, que se cumpra por ambas partes, sen máis dilacións ou escusas. 

Galicia, 19 de marzo de 2014