Este plan de formación suporá a realización dun total de 406 edicións para o persoal da Administración autonómica con 16.071 prazas, 28 edicións e 1.360 prazas para o da Administración de xustiza e 10 edicións e 500 prazas para o da Administración local.
Canto aos contidos, o plan publicado hoxe é o resultado dun proceso de análise das necesidades formativas, da demanda rexistrada nos cursos e da avaliación das actividades feita polo propio alumnado. Como consecuencia preséntase unha programación estruturada en accións formativas transversais, que ofrecen un currículo básico sobre habilidades e coñecementos xenéricos, e accións específicas, que están relacionadas directamente coa adaptación permanente ao posto de traballo.
Dentro deste documento, un ano máis, destaca a profunda renovación das actividades cunha porcentaxe de títulos novos do 41% na formación transversal e do 67% na formación específica. Con isto, a EGAP trata de reforzar a aprendizaxe de coñecementos naqueles ámbitos que, polo seu carácter estratéxico e innovador, teñen un maior impacto na cidadanía. Así, conséguese ofrecer formación sobre aspectos que ofrecen novidade e, ao mesmo tempo, tratar aquelas materias con transcendencia e utilidade para o traballo diario dos empregados públicos.
No relativo ás modalidades formativas, cómpre destacar a continuación do programa de autoformación iniciado no ano 2013, xa que supón o aproveitamento dos recursos dos que dispón a Escola, e a programación dunha elevada porcentaxe de títulos en teleformación.
01- Plan de Formación Continua do persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014