Un mes para mobilizarse polo dereito ao aborto


27 may 2013


A loita polo dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos e polo dereito ao aborto libre e gratuito vai marcar o mes de xuño. O 16 de xuño terá lugar unha gran manifestación nacional en Compostelaorganizada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, que será precedida de actos informativos e concentracións noutras cidades nas vindeiras semanas. De fondo, a proposta do ministro Gallardón de acabar coa lei de prazos -que rexe en case toda Europa e que foi aprobada en España en 2010- para regresar ao dereito limitado e condicionado da norma de 1985, a sistema de supostos.
A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto denuncia que a reforma da lei do aborto "non só é un retroceso de máis 25 anos nos dereitos das mulleres, senón que supón volver a un tempo onde, as que podían, viaxaban ao estranxeiro para abortar ou o facían clandestinamente", diferentes dereitos en función do poder adquisitivo de cada muller polo tanto e unha norma que devolve "á minoría de idade" ás mulleres pois supón "que miles de mulleres necesiten o permiso dun ou dunha profesional ou do titor ou titora legal (no caso das menores de idade), para poder interromper a súa xestación". E tamén unha "caza de bruxas" que levará a que profesionais e mulleres se vexan implicadas e imputadas en múltiples xuízos, moitos deles con resultado condenatorio".
Nas últimas semanas a Plataforma, que está formada por todas as forzas políticas agás o PP e multitude de entidades sociais, dirixiuse aos grupos parlamentarios de PSdeG-PSOE AGE e BNG para solicitarlles que presenten unha proposición non de lei conxunta "contraria á modificación da actual Lei 2/2010, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo" e que inste o Goberno galego a dirixirse ao Goberno do Estado "para reclamar que se paralice a modificación da dita Lei 2/2010".
Este domingo celebrouse en Vigo un acto de protesta ante a delegación da Xunta no que a Plataforma fixo explícita esta demanda e denunciou a política do PP e do Goberno galego. Este tipo de accións informativas e de protesta continuarán nas vindeiras semanas. O BNG convoca concentracións este luns en Vigo (diante da Colexiata ás 20.30 horas), A Coruña (diante da delegación do goberno ás 20.30 horas), Compostela (xardíns do Mosteiro de San Martiño Pinario ás 20.30 horas), Ourense (diante do CHOUO ás 19.30 horas), Lugo (praza de Santa María ás 20 horas) e Cee (diante do hospital ás 19 horas).
Publicado o 26/05/2013 en www.praza.com
Enlace permanente: pica aquí