Taxas xudiciais: non é copago, é repago


4 dic 2012


Por Xermán Varela

O pasado domingo publicouse neste xornal un artigo que propuña unha proposta alternativa ao pago das taxas xudiciais. Pretendo achegar outra visión discrepante de calquera repercusión dos «gastos xudiciais» na cidadanía.

O Estado asume o uso exclusivo da violencia e impón uns medios para a resolución das controversias a través dos tribunais. Non se pode escoller outro medio para a resolución dos conflitos, non se opta nun mercado de consumo. A finalidade é a protección dos dereitos fundamentais e da igualdade que non serían defendidos na mera contraposición de posicións no mercado. É ilexítimo tratar á cidadanía ante os tribunais como consumidora dunha prestación máis. Non só exercen un dereito, acoden ante un poder fundamental dun Estado democrático: o xudicial. Calquera visión que pretenda monetarizar e pasar factura pola actuación deste poder do Estado resulta ilexítima.

Os tribunais no Estado español asumen unha gran litixiosidade, sen embargo non podo compartir que ese problema teña relación algunha cun suposto abuso por parte da cidadanía. Esta acode aos tribunais cando aparece un conflito. A primeira obriga do Estado é prover de medios que tenten minorar a produción de conflitos. Iso implica investimento público e pode prexudicar a relixión do déficit cero. Ante o conflito deben tentarse formas que, asegurando igualdade, permitan a resolución do mesmo: mediacións e arbitraxes poden axudar. Haberá que discutir qué asuntos precisan intervención xudicial. Claro que isto pode ir contra a doada saída de aumento de delitos e penas para responder a calquera problema. A intervención xudicial resultará en moitos casos a única alternativa pero entón é precisa a organización do servizo público, dos recursos da Administración e dos tribunais aos que serve aquela. ¿Que sucedeu co proxecto dos tribunais de instancia? ¿E coa reforma dos partidos xudiciais?

O que me resulta completamente alleo á miña experiencia é o suposto abuso da xustiza gratuíta que algúns denuncian. A miña experiencia é que a avogacía de oficio desenvolve o seu traballo con seriedade e rigor e pon freo a posíbeis abusos. Pero, sobre todo, observo máis abuso en entidades bancarias que saben que poden soportar máis tempo un proceso xudicial que o particular co que discuten, ou entidades aseguradoras que levan ante os tribunais problemas xa resoltos para forzar acordos, ou construtoras que xogan cos adquirentes de vivendas aproveitando a complexidade dos asuntos. Estes serían algúns exemplos de problemas que non teñen relación co suposto abuso da cidadanía.

O que me provoca unha fonda preocupación é que sexan quen de impoñer a visión de que o problema reside nos gastos e no uso do servizo pola cidadanía e, polo tanto, que procuremos fórmulas de repercusión do «gasto». Non se trata de copagar ou cofinanciar, pois todo o servizo xa está pagado cos cartos dos impostos da cidadanía. Se realmente pretenden mellorar a Xustiza, que asuman a necesidade de reducir a conflitividade (é dicir, a desigualdade), que oferten servizos serios (e non gravosos) de arbitraxe cando proceda, que non acudan ao dereito penal cada vez que precisen un titular de prensa, que organicen a Administración de Xustiza, que respecten as decisións dos tribunais. En resumo, señor ministro, faga o seu traballo e deixe de botarlle a culpa á cidadanía da súa incapacidade.

Publicado o 01/12/2012 en www.lavozdegalicia.es

Enlace permanente: pica aquí