Gallardón pretende cobrar por cada cidadán que naza, creza, cambie de
domicilio, teña fillos, outorgue poderes, faga testamento, cando se case ou
divorcie e á fin cando morra
Vímolo explicando dende CCOO hai tempo e as ameazas de Gallardón
vanse convertendo en feitos, os seus proxectos de reforma que vén anunciando
dende a súa toma de posesión apuntan á privatización do Servizo Público da
Xustiza, a un encarecemento desta, a medidas que só teñen obxectivos
recadatorios e disuasorios para o cidadán ("taxazo" xudicial), a un
afastamento da Xustiza do cidadán, e por ende, á supresión de postos de
traballo na Administración de Xustiza e perda de dereitos dos traballadores.
Proxectos que se van concretando a ritmos insospeitados (a Lei de
Taxas Xudiciais aprobouse en tempo récord, contando coa oposición de
absolutamente todos os colectivos implicados na Administración de Xustiza,
partidos políticos -agás o PP- sindicatos, asociacións de consumidores e
usuarios, etc...).
Agora, segundo a información aparecida no artigo do El País de
hoxe que vos achegamos, o próximo proxecto que pretende Gallardón -e que ao
parecer xa existe anteproxecto para ser aprobado en Consello de Ministros do
próximo venres 30- é entregar aos Rexistradores da propiedade e mercantís os
temas de rexistro civil. O artigo titulado "Asalto ao Rexistro civil"
fala dun suposto "anteproxecto" (que non coñecemos) pero só
recordamos que a nova Lei de Rexistro Civil (BOE de 21-7-2011) aínda non entrou
en vigor pero xa se anunciou que ía ser reformada.
Recordemos que esa nova Lei de Rexistro civil aprobou a
desxudicialización do rexistro civil e o poñía en mans das CCAA e duns
Encargados do Rexistro civil sen identificar. CCOO denunciámolo xa no 2010 cos
primeiros anteproxectos, e mobilizámonos e conseguimos introducir unha D.Tr. 8ª
que, aínda que non totalmente, garantía algúns dos dereitos dos traballadores
da Administración de Xustiza.
Con este proxecto, ao parecer, Gallardón sométese ás presións do
colectivo de Registradores -que buscan novos ámbitos laborais onde exercer a
súa profesión dado que o negocio inmobiliario deixa moitos sen os seus pingües
beneficios- e de paso, incrementará novamente os custos para os cidadáns. E os
empregados públicos seremos recolocados? noutros postos de traballo.
CCOO denunciou que a nova Lei de Rexistro Civil provocaría a
amortización de máis 3.000 prazas de funcionarios, que os funcionarios
interinos serían cesados e os funcionarios de carreira serían reordenados
forzosamente. Agora, ademais coa reforma da LOPJ que introduce a mobilidade
xeográfica mesmo con cambio de municipio, o ministerio ten as mans libres e non
necesita nada máis.
E a este proxecto, súmanse os xa aprobados como o tasazo xudicial
e os que virán que xa foron anunciados: a redución de partidos xudiciais, a
privatización de asuntos xudiciais como as notificacións de sentenzas ou as
execucións, a externalización de servizos xudiciais como as traducións e
interpretacións, as consecuencias que traerá o proxecto de "Tribunais de
instancia",…
E para facer efectivos estes proxectos, Gallardón tamén necesita
medidas para aplicar os empregados públicos e a reforma da LOPJ é un deles,
pero tamén a reforma laboral aprobada e da que o RD de despedimentos colectivos
nas Administracións Públicas é a súa consecuencia directa, e a próxima reforma
da Función Pública que podería decidir a eliminación de centos de postos de
traballo e obrigar os empregados públicos a pasar a situacións de excedencia
forzosa cun soldo do 75% do salario base
As medidas que adopta este Goberno teñen un obxectivo común: o
desmantelamento dos Servizos Públicos e con iso a desaparición de miles de
empregados públicos. A Xustiza non vai ser menos e Gallardón teno moi claro,
custe o que lle custe e caia quen caia.
TODOS OS EMPREGADOS PÚBLICOS DA ADMINSTRACIÓN DE XUSTIZA SOMOS OS
PRIMEIROS AFECTADOS POR ESTES PROXECTOS E SOMOS OS PRIMEIROS INTERESADOS EN
DEFENDER O SERVIZO PÚBLICO DA XUSTIZA.
O SERVIZO PÚBLICO DA XUSTIZA É TEU. DEFÉNDEO!
NO ESPERES A MAÑÁ, IGUAL É TARDE
Aínda non tes motivos para mobilizarte?