O sector de Xustiza de CCOO denuncia a vergoñenta e descarada utilización da intranet de xustiza como panel publicitario para a campaña electoral do Partido Popular de Galicia


5 oct 2012


O pasado 3 de outubro, a Intranet de Xustiza abríase coa seguinte "información":
02/10/2012

Durante os primeiros nove meses do ano 2012 leváronse a cabo máis de 2.000 videoconferencias a través do equipamento da Administración de xustiza de Galicia, formado por 55 equipos de videoconferencia de sala e unha aplicación de videoconferencia persoal.  Ler máis sobre Realizadas máis de 2.000 videoconferencias cos equipos da Administración de Xustiza de Galicia [+] 

Ao Partido Popular non lle chega a utilización partidista da gran maioría da prensa, tanto escrita como visual e radiofónica, todo son anuncios positivos da súa xestión nos xornais, na súa páxina institucional (xa van seis sancións) e incluso, o que nos faltaba, na intranet dos funcionarios de xustiza. O seu medo a perder a poltrona debe ser insuperable, xa que logo salta leis e regulamentos á toreira, sen máis consecuencias, todo hai que dicilo que apercibimentos e pequenas palmadiñas dun pai condescendente, a Xunta Electoral. 

CCOO, sector xustiza, esixe a retirada inmediata dese anuncio, por incumprimento do artigo 50.2 da LOREG e que relata o eficientes que son na Dirección Xeral, así mesmo, requirimos que non aparezan máis slogans publicitarios na intranet de xustiza. Subsidiariamente, esixe que, de manterse, aparezan tamén anuncios do tipo: A Dirección Xeral de Xustiza é incapaz de solucionar o colapso da Xurisdición social en Galicia; o Director Xeral de Xustiza confesa que, malia recoñecer que non é xusto, non vai retribuír igual aos que fan as substitucións verticais que aos titulares ou interinos, a Dirección Xeral de Xustiza recoñece que un recorte orzamentario interno pon fin á esperanza de arranxar os arquivos da Coruña, , o retraso no nomeamento de funcionarios interinos para cubrir baixas de longa duración, abandono dos xulgados do penal, sen ter en conta as posibles repercusións, utilización política dos novos edificios xudiciais, ELIMINACIÓN DA NEGOCIACIÓN COLECTIVA, eliminación da acción social dos funcionarios, da ampliación de postos de libre designación que a Xunta de Galicia é corresponsable do recorte da paga extra, a mobilidade xeográfica, redución dos días de vacacións, asuntos particulares, desconto do 50% do soldo dende o primeiro día de baixa, do aumento das taxas xudiciais, etc. 

QUE NON TE ENGANEN CON FOGOS DE ARTIFICIO, 
EN DOUS DÍAS NON PODEN ARRANXAR O DESASTRE DE ANOS. 

NON TE DEIXES MANIPULAR! 

Galicia, 3 de outubro de 2012