Vigo: Solicitude de reforzos para os xulgados do Social


7 sept 2012


Logo de presentar o seguinte escrito no día de onte ante a Dirección Xeral, no día de hoxe comunicáronnos que se concederan os reforzos solicitados.


SR.DIRECTOR XERAL DE XUSTIZA 
PRAZA DE EUROPA Nº 5-A 4º ANDAR 
SANTIAGO DE COMPOSTELA 


O pasado día 31 de agosto, ante o nomeamento dun Xuíz de reforzo para os xulgados do Social nº 1 e 2 de Santiago, remitimos un escrito denunciando a falta de negociación das medidas de reforzos para os traballadores que terán que sacar o traballo que xere o Xuíz de reforzo. Neste escrito volvemos a denunciar o mesmo, pero nos Xulgados do Social da cidade de Vigo, polo tanto todo o que se diga é igual de válido para os de Santiago. 

A Comisión Permanente do pasado 5 de xuño de 2012 o C.X.P.X acordou a concesión dunha comisión de servizo a unha Maxistrada “para reforzar os Xulgados do social de Vigo colaborando con seus titulares na actualización dos mesmos” 

O reforzo, segundo recolle literalmente, “concédese en atención ao moi elevado nivel de entrada (149% en 2009, 150% en 2010 y 154% en 2011) notablemente superior á media de entrada dos demais xulgados da provincia e da Comunidade, e que provocou que a pendencia e os tempos de resposta vaian crecendo paulatinamente, co risco certo dunha saturación a curto prazo” 

Coincidindo co diagnóstico do CXPX e coa medida proposta, non é menos certo que esta medida, de por si, non terá resultados se non vén acompañada do nomeamento de funcionarios de reforzo que poidan auxiliar á Maxistrada de reforzo no sinalamento e celebración de xuízos, citacións, notificacións, execución, recursos, etc. 

Ao igual que no ano 2010, data en que houbo outra medida de reforzo idéntica, dende CC.OO defendemos e esiximos o nomeamento de prolongacións de xornada para mínimo 1 funcionario do Corpo de Xestión, 2 de Tramitación e outro do Corpo de Auxilio Xudicial por cada Xulgado. 

O propio Sr. Decano, coñecedor das verdadeiras necesidades dos Xulgados do Social, non en vano é Maxistrado dun deles, acordou solicitar ao seu departamento o nomeamento dun mínimo de 4 prolongacións de xornada (1Xestor, 2 Tramitadores e 1 Auxilio). 

Obviar a petición do Sr. Decano e de CC.OO deixaría en evidencia que a Dirección Xeral quere e demostra: 

A.- Acabar co Servizo Público. 

B.- A falta de visión de presente da Xunta de Galicia. Desaproveitar unha medida de reforzo que vai permitir que moitos traballadores que estean a sufrir as consecuencias da estafa-crise (peche de empresas, despedimentos, rescisións de contrato, cambio de condicións de traballo, etc), poidan recibir a tutela xudicial efectiva. 

C.- A falta de visión de futuro. A falta de persoal para sacar o traballo da Maxistrada de reforzo vai colapsar o Xulgado en vez de reducir a pendencia e os tempos de resposta, todo o contrario do que busca o reforzo. 

D.- Descoñecemento absoluto do funcionamento dun Xulgado. Para que a Maxistrada de reforzo poda sacar sentenzas é imprescindible o traballo, sinalamento de xuízos, citacións, celebración de xuízos, execucións, recursos, etc) dos funcionarios (Xestión, Tramitación, Auxilio e Secretarios). 

E.- Desprezo cara aos traballadores. Pois non só non se valora o esforzo que realizan día a día para asumir o traballo que a estafa-crise que sufrimos está xerando, senon que aínda por riba, pretenden que os mesmos traballadores que son atacados polas medidas do goberno do PP de Galicia ( impago do 100% susticións, supresión da acción social, retraso no nomeamento de interinos,etc) e do goberno do Sr. Rajoy (retirada da paga extra, redución dos días asuntos particulares, eliminación dos días vacacións por antigüidade, supresión do 50% do soldo dende o primeiro día de baixa, conxelación, etc), asuman realizar o traballo que xera unha Maxistrada de reforzo GRATIS, ou case GRATIS. 

Dende CCOO temos proposto a todos os traballadores do Social que se opoñan a calquera prolongación de xornada mentres a Administración non asuma o nomeamento de mínimo 4 prolongacións por Xulgado (1X, 2T, 1A). 

O intento por parte da Administración de abrir as prolongacións de xornada aos traballadores doutras xurisdiccións para realizar o traballo nos Xulgados do Social interpretarémolo como un ataque á negociación e un acto de imposición que sólo provocaría o rotundo fracaso do reforzo se o asumen funcionarios axenos a xurisdicción social. E garantimos o fracaso da medida de reforzo aprobada polo C.X.P.X.


Galicia, 6 de setembro de 2012 



Pablo Valeiras Ríos
Coordinador Sector de Xustiza Galicia CCOO.