Rueda axita a posibilidade de que "os comunistas gobernen" para instar a apoiar a Feijóo


10 sept 2012


En 1982 todo semellaba indicar que a malferida UCD estaba a piques de ser desaloxada do Goberno de España polo daquela emerxente PSOE de Felipe González. En diversos ámbitos políticos e sociais da época dábase por feito o que finalmente acontece e, neste ámbito, o director Mariano Ozores lanzaba o filme ¡Que vienen los socialistas!, unha parodia ambientada nunha vila na que os protagonistas alertaban da chegada do PSOE ao poder e, ao tempo, tentaban gañar favor dos futuros gobernantes. Salvando as distancias, unha alerta semellante xurdiu este venres dende as filas do PPdeG, nomeadamente do seu director de campaña, o tamén conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, en cuxo discurso o termo "socialistas" é trocado por outra advertencia habitual da política española: que veñen "os comunistas".

De visita no escenario no que este sábado Alberto Núñez Feijóo escenificará a súa proclamación como candidato á reelección, Rueda apoiouse nas negociacións que manteñen Anova e Esquerda Unida para axitar un, ao seu xuízo, risco que a "cidadanía galega en xeral" debe coñecer. Segundo o dirixente popular acordos como este son "agardables" e, a partir de aquí, bosquexa un suposto escenario poselectoral que, dende o seu punto de vista, o electorado "ten que ter claro". Que o PP perda a maioría absoluta "supón ter ao señor Beiras como vicepresidente da Xunta, que forme parte do Goberno un partido comunista e que, ao final, estean na mesma coalición os que marcharon do BNG porque pensaban que era demasiado radical e os que marcharon do Bloque porque pensaban que era pouco radical".

Neste sentido, as advertencias sobre o comunismo sérvenlle tamén a Rueda para cuestionar a posibilidade de que o PSdeG forme un posible Goberno de coalición. Sempre segundo a interpretación do número dous de Feijóo "moitos votantes do PSOE estarán pensando que darlle o voto ao Partido Socialista supón estarlle dando o voto para que os comunistas gobernen" e para que tamén o faga o BNG o que, conclúe, supón que os integrantes do Executivo "estean discutindo todos os días".

Neste contexto Rueda contrapón as eventuais diverxencias no seo da esquerda co monolitismo do apoio do PP a Feijóo, xa que "todos os membros do PPdeG, tanto os dirixentes como a militancia,están de acordo en que contan co mellor candidato" e "farán todo o posible para que saia elixido novamente". Iso, explica, será o que se visualice no acto do sábado, o primeiro que celebrarán baixo o seu lema de precampaña: Galicia por riba de todo. Para o xefe de campaña popular esta frase ilustra á perfección que ao seu partido "lle importa Galicia por riba de calquera outro interese político". A primeira reacción a esta elección chegaba dende A Mesa pola Normalización Lingüística, colectivo ao que lle parece que o partido que sustenta ao actual Goberno está a realizar un exercicio de "cinismo": "hai que ser moi hipócrita para levar tres anos e medio a patadas co noso idioma e a nosa cultura e dicir que se ten a Galicia por riba de todo", din.

Publicado o día 08/09/2012 en www.praza.com

Enlace permanente: pincha aquí