Pero para que ir a Santiago? Pero para que ir a Madrid?


7 sept 2012


Se deixamos que o desencanto cale entre nós, se toleramos que o sentimento colectivo de culpabilidade, sementado polos mass media que lle fan o xogo ao goberno monicreque escravizado pola troika nos golpee, estamos perdidos: remataremos onde eles queren, nun sistema feudal onde cobrar por traballar será unha prebenda do señor para o vasalo e, o que non lle guste, no terá mais opción que agocharse no bosque de Sherwood a xogar a un Robin Hood indignado que se perde en asembleas. Loita! Rebélate!

Pero para qué se non sirve de nada? 

Avergóñate desas palabras! Rebáteas cada vez que as oias! Impón os argumentos da razón! 

Aínda non pasaron nin dúas xeracións dende que nos estaleiros ferroláns loitaban por unha xornada digna. Deixábanse a pel por un feito tan nimio como loitar polo estado de benestar que ata ben pouco, ata a ditadura da tesoira, todos gozábamos; sufriron ostracismo social, torturas policiais, largos períodos de cárcere, humillacións públicas e desagravios dende a propaganda gobernamental; falamos de xente, de obreiros como Paco Filgueiras, Xulio Aneiros ou Rafael Pillado, de tantos e tantos que tiveron a valentía de xogarse o posto de traballo e a liberdade por loitar polos dereitos laborais e sociais que nós herdamos, pola dignidade que nos están a roubar. Organizáronse na clandestinidade, sacrificaron días enteiros de vida familiar, puxeron en perigo as súas vidas por un ideal de xustiza. Daniel e Amador foron asasinados en 1972, o 10 de marzo, por manifestarse contra o abuso da patronal, polo mero feito de exixir un convenio xusto, que limitase as xornadas de 12 horas e que pedía un aumento salarial de... 2.500 ptas!. Eran tempos difíciles, tempos duros no que o fácil sería resignarse, tempos faltos de dereitos humanos, tempos nos que o sindicato vertical amigo do patrón era unha mafia totalitaria, a empresa era unha maquinaria destinada a obter o máximo beneficio ao mínimo custo laboral. Non había persoas, había mercadorías. Nunca agradeceremos bastante a labor deses pioneiros sindicais. 

Qué nos diferenza de aqueles homes? 

Gustábavos a acción social? A paga extraordinaria de nadal? Os días de asuntos propios? Vós tamén pensabades que non podería equipararse un enfermo a un delincuente, penalizándoo nas retribucións? Todo o que tiñamos, o que gañamos loitando pola dignidade, non caeu do ceo. 

Ninguén nos fixo un agasallo,non nos están a quitar o que non merecemos: están a roubar o que lexitimamente nos pertence para darllo aos que xogaron cos nosos aforros e perderon. Co que pagamos ao goberno, co que descontan das nosas nóminas para darllo ao goberno, cos impostos que pagamos en cada bocado que levamos á boca, en cada litro de gasolina, con eses cartos, co que debería empregarse en apuntalar o estado social, co capital que debería desenvolver un sistema produtivo fiable e competitivo, non baseado no ladrillo e a especulación, con ese diñeiro público, lanzaron os dados e perderon, perderon os bancos e as caixas, gañou a troika, e agora en qué punto estamos: somos servos da ditadura financeira. Agora hai que amañalo. Hai que salvar aos bancos por estafarmos, démoslles outra oportunidade. E nós? Nós a agachar a cabeza. 

Imos consentir que a democracia se transmute en autocracia? Qué queremos ser, peleles ao servizo dun estado falaz que non nos representa ou persoas dignas que traballan por unha vida mellor? Di basta! Queres ser a vergoña dos teus descendentes? Queres pasar á historia como o medoñento que se resignou e perdeu todo o que conseguiran tantas persoas sinxelas, obreiros e obreiras que loitaron encarnizadamente dende a Revolución Industrial? 

Poñamos freo a esta banda de mentireiros, somos máis, estamos máis cabreados, estánnos a roubar na nosa cara os nosos dereitos, a nosa democracia e a nosa dignidade. 

Móvete!

Propón ideas! 

Acude ás manifestacións! 

Afíliate a algún sindicato, crea o teu propio, organízate cos teus compañeiros! 

Non o dubides, faino! 

Non te resignes!