La Voz de Galicia deu o pistoletazo de saída á súa propia campaña electoral.


10 sept 2012


Claves para o éxito populista dun xornal: louvanzas ao poder, intoxicación informativa ao servizo da PPXunta, menosprezo dunha realidade para eles maleable


O pasado sábado 8 de setembro milleiros de persoas manifestáronse polas rúas de Santiago en defensa dos servizos públicos; estímase que 10.000 persoas, segundo os convocantes, percorreron a distancia que separa a alameda de San Caetano para amosar a súa indignación contra os recortes de medios humanos e materiais dos servizos públicos, contra os despedimentos de empregados e empregados públicos perpetrados polo PP nos últimos tres anos e contra a privatización de servizos púbicos ao mellor poxador. 

Nada máis rematar a manifestación La Voz de Galicia apresurouse a sacar na súa edición dixital unha crónica breve e anecdótica, que falaba de 1500 persoas, participantes dunha manifestación convocada por catro grandes sindicatos e apoiada por “outros”, non nomeados expresamente, claramente ninguneados. A cifra debeu ser contada a dedo polo xornalista, xa que non cita nin fontes policiais nin sindicais na súa estimación. A noticia ocupou un lugar secundario, pasou desapercibida ante a galería de imaxes da proclamación da candidatura de Alberto Núñez Feijoo diante dos seus correlixionarios, apoiado por máis de 2.000 persoas segundo fontes do PP, como eles mesmos teñen a desvergoña de escribir. Neste caso as fontes dun partido político que da a cifra de dos asistentes a un acto privado de autobombo de forma unilateral sí son válidas, non así as cifras dadas por máis de vinte organizacións sindicais, entre as que estaba a propia policía, que representan a práctica totalidade de traballadores e traballadoras públicos, de tódolos sectores e de todo tipo de ideoloxía. 

Repulsivo pero xa non sorprende: acostumados como estamos a que La Voz de Galicia faga campaña, non só de apoio ao PP, senón de estigmatización de todo o sexa, ou incluso pareza, contrario ás ideas da gaivota: quen non sexa feijoista é un radical ignorante da realidade que vai afundir o país: dogma de fe. 

Cabe alegar a liberdade editorial e ideolóxica do medio, a defensa duns ideais conservadores é pefectamente lexítima, certo, pero hai datos para a análise, datos que deben ser cotexados con esa liberdade e que cada quen saque as súas propias conclusións. Para iso recomendamos encarecidamente a lectura da páxina http://exvoz.canalblog.com/, información de primeira man de extraballadores do xornal, que opinan con datos obxectivos. Se só tomamos baremos económicos da situación actual da empresa, das subvencións recibidas, do investimento en propaganda da Xunta nas súas páxinas, podemos entender que non mordan a man que lles da de comer: a situación da súa nefasta xestión é tal que dependen das axudas públicas e do adiamento dos créditos de Novagalicia para subsistir. As caixas galegas eran louvadas á altura das grandes entidades financeiras mundiais, en especial Caixa Galicia de A Coruña, principal prestamista da empresa. Se no último ano só lésemos La Voz parecería que da noite á mañá alguén tirou da cadea e levou as magníficas caixas polo sumidorio, pois, segundo o xornal, eran a oitava maravilla do mundo económico ata que o Banco de España, o BCE e as auditorías puxeron unha bomba na liña de flotación desa defensa numantina. http://exvoz.canalblog.com/ da datos e analiza as causas da desinformación e a deriva cara a radicalización na defensa das posturas conservadoras do xornal, aconsellamos a súa lectura encarecidamente. 

Dende CCOO, sector xustiza, continuaremos loitando polo reestablecemento dos nosos dereitos laborais, pola recuperación da perda adquisitiva dos últimos anos cercana o 30%, pola defensa ante os ataques a nosa dignidade. Pero non só é iso: non nos limitaremos a loitar por volver a onde estábamos antes de que nos fixeran culpables dunha crise provocada, devaluadora das clases medias e baixas que dilapida o estado de benestar. En CCOO, sector xustiza, apostamos por un cambio de política, un cambio real, un cambio que nos afaste das políticas neo-conservadoras que aplastan á clase traballadora. 

Somos conscientes de os grandes medios de comunicación, non só La Voz de Galicia, están ao servizo do poder, pero hai alternativas, hai outros modos de denunciar a realidade, ninguén mellor que nós coñece, nos nosos respectivos ámbitos, a realidade. Apostamos polo debate, por ser altofalantes da situación de cada colectivo, apostamos, en definitiva, por suplir as carencias de servizo de denuncia do xornalismo actual por medio do asociacionismo, sindical, político, veciñal, cultural, de calquera signo ou tendencia democrática, só unidos podemos paralos, só informando, incentivando a participación cidadá e estimulando as intelixencias para a participación democrática nas urnas poderemos cambiar de máns o poder e frear a barbarie a que nos conducen estes gobernos.