Medidas para superar os recortes en Galicia


30 ago 2012


Fronte á maior austeridade que promete o PPdeG, a oposición coincide case en pleno en deter os "axustes". ¿Daquela como financiar os servizos sociais, se a caixa pública está case baleira? Repasamos as propostas económicas e fiscais de PSOE, BNG, UPyD, EU, ANOVA, CxG, CXXI e PT.


Xosé Manuel Beiras
ANOVA Irmandade Nacionalista: aínda non fixo propostas concretas de cara ás próximas eleccións galegas. Arestora, a prioridade dos irmandiños é que as súas asembleas de base decidan se aceptar as ofertas de alianza que teñen sobre a mesa. Son polo menos dúas, a de Esquerda Unida e a de Compromiso por Galicia. Agora ben, o partido que lidera Xosé Manuel Beiras parte dunhas bases ideolóxicas claras no eido económico. ANOVA é unha formación anticapitalista que argumenta que "a crise afecta a todos os ámbitos da vida por estar motivada principalmente por unha crise de recursos enerxéticos nomeadamente o petróleo". As súas propostas para Galicia nos vindeiros anos baseárande na "soberanía alimentar, a soberanía enerxética, a soberanía cultural e o exercicio real da soberanía popular". Se finalmente se presenta en solitario, o máis probábel é que o candidato pola Coruña sexa Beiras, ex-líder do BNG. 

Francisco Jorquera
BNG: Francisco Jorquera gañou a Carlos Aymerich a votación na Asemblea do BNG esta primavera cando os nacionalistas escolleron candidato. Jorquera, coherente co xiro á esquerda proclamado no Mercado de Amio, quere constituír a banca pública galega. Para os estafados polas preferentes, o deputado nas Cortes aposta por "unha solución política que lle devolva aos afectados os seus cartos". A nivel económico o BNG defenderá o "dereito a producir e vivir dignamente en Galiza que outros ignoran". Á "maioría social" en contra dos axustes, Jorquera promete que se oporá "aos recortes que impón Madrid para sanear a banca privada". O político ferrolán dimitirá, como tiña previsto, do seu cargo no Congreso para encarar unha campaña clave para o Bloque tras as escisións de Máis Galiza e os irmandiños.

Xoan Bascuas
Compromiso por Galicia, ao igual que ANOVA, aínda non ten 100% claro se finalmente se unirá a unha coalición maior. Con todo, a formación galeguista leva semanas desenvolvendo unha intensa actividade de actos, o que permite comprobar cales son as súas prioridades. Así, a formación que liderá Xoán Bascuas xa protestou contra os recortes na Administración, mesmo propondo que os funcionarios e outros traballadores públicos presenten recursos contra a supresión da paga de Nadal. Ten ademais unhas propostas progrmáticas concretas que no eido económico pasan por unha "política fiscal anticíclica". Esta maior recadación de impostos, taxa de transaccións financeira e "incremento do IRPF no tramo autonómico para as rendas máis altas" incluídas, debe "atender ao obxectivo da xustiza social, o desenvolvemento e o pleno emprego". Revisar e eliminar figuras de evasión de tributos tales comoas SICAV, establecer un "plano contundente contra a fraude fiscal" e desenvolver unha "fiscalidade verde" son outras das súas medidas concretas para mellorar a economía de Galicia. 

Carlos Vázquez Padín
Converxencia XXI: Malia ser galeguista, este partido liberal finalmente quedou á marxe da reorganización do nacionalismo, que no país está maiormente escorado cara a esquerda. A formación que lidera Carlos Vázquez Padín fai do apoio aos emprendedores un dos seus estandartes. No lugar de máis tributos para financiar as case quebradas finanzas públicas, CXXI aposta por baixar algún impostos, tanto a traballadores como a empresarios, para así dar pé ao lanzamento de novas compañías. Por exemplo, o partido propón "reducir as cotizacións sociais ao 15% do salario bruto do traballador e as taxas marxinais do imposto de sociedades ao 12%". Na súa axenda liberal tamén se inclúe a fin da regulación do Estado en sectores como "enerxía, transporte, farmacias, notarías e rexistradores". A súa política económica pasa tamén por darlle máis competencias fiscais á Xunta, incluída a creación dunha Axencia Tributaria propia. O novo organismo debería xestionar un "concerto económico co Estado español co obxectivo de que a Xunta recade a totalidade dos impostos soportados no noso territorio".

Yolanda Díaz


Esquerda Unida - Os Verdes: Quintos nas pasadas eleccións, a coalición de comunistas e ecoloxistas apura arestora o intento de crear unha "fronte anticapitalista" ao PPdeG, na que podería participar cando menos Anova Irmandade Nacionalista. En todo caso, a formación de Yolanda Díaz xa ten decidido o seu programa. A política ferrolá aposta por "contrarrestar a mensaxe única neoliberal, defendida polo PP e acatada polo PSOE, de que non hai alternativa" pois "están a desmantelar o estado do benestar, facendo pagar a crise ás familias traballadoras". O "programa mínimo común" que quere EU para a "Syrizia galega" pasa pola "planificación democrática da economía" e "aumentar os ingresos perseguindo a fraude fiscal, a economía mergullada e aumentando os impostos aos grandes capitais".


O Partido da Terra é unha nova formación cun marcado carácter ecoloxista. Polo tanto, as súas propostas económicas pasan, en primeiro lugar, por sentar as bases para a "a soberania alimentar e da soberania energética". O PT argumenta que "o mercado livre não é tal quando existe um monopólio estatal ou doutra índole que obrigue ao uso de qualquer método ou fórmula de pagamento obrigatória, incluída a moeda fiduciária. Algunha das súas propostas económicas básicas son "a promoção duma economia local escalável facilitando o relacionamento das distintas comunidades por meio de linhas de transporte eficazes", o fomento de cooperativas e a "eliminação progressiva de todo imposto confiscatório, a ser substituído por uma tributação anual sobre a riqueza gerada". 


Manuel "Pachi" Vázquez
PSdeG: Manuel Vázquez será escollido candidato esta fin de semana. O adianto electoral impide aos socialistas galegos organizar as súas primarias. Francisco Caamaño e Pepe Blanco, outros dous políticos que podían desputar a candidatura a 'Pachi', desistiron e piden o voto para o actual secretario xeral. Manuel Vázquez aposta por subir os impostos aos máis ricos para evitar os recortes sociais. Na súa opinión deben ser "os que nos meteron neste lío" os que apanden e axuden máis a financiar o Estado do Benestar. Por exemplo, destacou que polo menos tres comunidades, incluída Extremadura gobernada polo PPdeG, crearon xa un imposto para os bancos. O socialista prometeu que "non haberá máis escolas sen maestros ou hospitais sen médicos" e ofrecer aos cidadáns unha vida pública que lles permita recuperar a "ilusión na política".

 


Rosa Díez


Unión Progreso y Democracia: O partido de Rosa Díez, a líder máis valorada nas enquisas no Estado, aínda non decidiu quen presentará de cabeza de cartel. UPyD en Galicia criticou recentemente os recortes en materia de ensino cos que empeza o curso escolar. Recortes si quere UPyD no número de representantes públicos, pois xa propuxo minguar os deputados de 75 a 61. O partido españolista tamén criticou que se adiquen cartos públicos a rescatar os bancos mentres se baixan as axudas aos parados. En Galicia parte dende a cuarta posición nos pasados comicios, nos que xa deu a sorpresa. Ademais agora está impulsado por unhas excelentes enquisas a nivel estatal. Iso si, terá que superar unha moi escasa presenza nos medios do país e a polémica xerada polo cualificativo "moi galego" que lle espetou Díez a Rajoy. 

Nos vindeiros días GC publicará un resume das propostas económicas do PPdeG